O MI6 E GALIZA EN 1945

O primeiro documento da espionaxe sobre o nacionalismo galego

Vén de aparecer o primeiro documento que confirma o seguimento que lle fixeron servizos secretos doutros estados ao nacionalismo galego. O investigador Eliseo Fernández descubriu un informe desclasificado polo MI6 no que se fala sobre o galeguismo no exilio, centrando a atención na figura de Castelao. 

castelao-aguirre
photo_camera Homenaxe a Aguirre en Bos Aires: no centro Castelao e, ao seu carón o lehendakari vasco. Entre outros, tamén están: Manuel Puente, Doutor Balsadúa, Alonso Ríos, Claudio Fernández, Eliodoro Friol e Ramón María Aldasoro [Imaxe: A Nosa Terra]

Corría o ano 1945 e o MI6 quería ter información cumprida do que podía acontecer na España de Franco. E tamén, como afirma o propio historiador Eliseo Fernández, "probablemente tivesen medo de que o Partido Galeguista se achegase ás posicións da URSS". 

Tense escrito moito sobre a espionaxe dos servizos secretos -sobre todo estadounidenses- sobre o nacionalismo galego, pero só agora vén de aparecer o primeiro informe publicado no que se fala directamente sobre o nacionalismo galego. O texto, asinado polo MI6 o 12 de marzo de 1945, fornece valiosa información sobre a actividade do galeguismo no exilio a través de Castelao. O documento, no que se fala da oposición antifranquista en Cataluña, Euskadi e Galiza, referencia un 'Index to report on anti-Franco Spaniards', onde aparecen sinalados dirixentes nacionalistas como Xerardo Álvarez Gallego, Antón Alonso Ríos, Ramón Suárez Picallo, Sebastián González Paz, Rodolfo Prada ou Elpidio Villaverde. Este documento ve a luz por vez primeira no número 221 do semanario Sermos Galiza, disponíbel desde a quinta feira nos pontos de venda habituais e na nosa loxa.

mi6-anaco

O texto, que se refire a Castelao como “o exiliado galego máis importante”, reproduce dúas cartas do político de Rianxo ao lehendakari José Antonio Aguirre e ao nacionalista catalán Pi Sunyer onde lles dá conta da organización do nacionalismo galego no exilio, do proceso de constitución do Consello de Galiza e do pacto Galeuska entre as tres nacións. 

O texto reproduce dúas cartas de Castelao ao lehendakari Aguirre e ao catalán Pi Sunyer onde lles dá conta da organización do galeguismo no exilio, do proceso de constitución do Consello de Galiza e do pacto Galeuska

Pacto Galeuska

Nun dos textos, o MI6 fala dunha carta na que Castelao se dirixe a Aguirre en 1943: “Nós os galegos nacionalistas considerámoste o líder indispensable de Galeuska, estando Companys morto e tendo en conta que o Estatuto galego non foi promulgado e nós tampouco tivemos goberno propio, é evidente que es o máis cualificado para dirixir as actividades conxuntas de vascos, cataláns e galegos, non só de cara á realización dos nosos comúns ideais nacionais […], e tamén para establecer unha orde democrática en España sobre as cinzas da historia recente”.

O pacto de Galeuska fora asinado o 22 de decembro en México, tal e como se afirma no informe, para “intensificar a acción conxunta e os esforzos contra o Goberno de Franco, opoñerse á restauración da monarquía e loitar polo dereito de autodeterminación”, entre outros argumentos. 

Castelao no exilio

O informe tamén fala das diferentes posicións de vascos, cataláns e galegos no exilio. A respecto do movemento galego, volve citar unha misiva de Castelao a Aguirre na que lle fala da situación do galeguismo nas Américas (datada o 29 de novembro do 43): “Os únicos galegos ousados en México son os comunistas, que publican o xornal 'Loita' na nosa lingua, xusto como aquí [Bos Aires], que publicamos 'A Fouce', pero están obsesionados con comprometerme de cara a chegar a un acordo cos nacionalistas”. 

Di Castelao: “Os únicos galegos ousados en México son os comunistas, que publican o xornal 'Loita' na nosa lingua"

Continúa así Daniel Alfonso: “Por suposto nós temos en México un grupo de nacionalistas novos que, aínda que non están moi versados no xogo político, están a probar a súa calidade intelectual, a súa unidade e o seu patriotismo no xornal 'Saudade', que está escrito no mellor galego, e esta xente nova está agardando polo noso permiso para representar o partido. O mesmo está a pasar en Cuba, onde temos a Álvarez Gallego, con quen podemos contar, mentres en Porto Rico está Sebastián González”. O autor do informe engade que “o líder agrarista Alonso Ríos está con el en Bos Aires e que Suárez Picallo vaise xuntar con eles desde Chile, porque Bos Aires ten 300.000 galegos, mentres que ningunha cidade en Galiza ten máis de 100.000”. 

Consello de Galiza

No informe da espionaxe británica tamén se dá conta da creación do Consello de Galiza, que se constituíu o 15 de novembro de 1944 en Montevideo, a través doutra carta de Castelao a Pi Sunyer (presidente do Consell Nacional Català), a quen lle enviou o estatuto de constitución desta entidade que pretendía funcionar como o Goberno galego no exilio e aglutinar os deputados galegos de todos os partidos. Rezaba así: “Alfonso Rodríguez Castelao, Elpidio Villaverde Rey, Ramón Suárez Picallo e Antonio Alonso Ríos, os únicos deputados galegos vivindo en Sudamérica como refuxiados, por decisión espontánea entre todos eles, decidiron unirse para formar un organismo político para manter e defender a vontade de Galiza durante a duración deste periodo de sometemento  no que o pobo se encontra privado de toda expresión democrática”.

Aquí poden descargar os documentos

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios