Instan a erradicar os restos do franquismo que se conservan en Ribeira

A proposta irá ao próximo pleno municipal da vila, que terá lugar na segunda feira, 22 de febreiro. Pídese a supresión dos vestixios da ditadura, xa que é preciso avanzar "cara a restitución da memoria democrática" no concello.
Acto contra o franquismo xunto á Casa Cornide da Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Acto contra o franquismo xunto á Casa Cornide da Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O BNG de Ribeira vén de anunciar que o próximo luns levará ao pleno municipal unha iniciativa para instar á corporación a eliminar os símbolos do franquismo que aínda son visíbeis nesta localidade costeira. O grupo entende que é tempo de erradicar esa simboloxía que lembra a ditadura pois xa van varios anos de parálise nos avances cara as demandas da memoria histórica.

A proposta do Bloque incide na necesidade de "avanzar" na supresión dos restos da ditadura e "camiñar cara á restitución da memoria democrática no Concello de Ribeira".

Desde a formación a nivel local lembran que xa van cinco anos sen que houbera melloras neste sentido, pois en Ribeira aínda hai mesmo lavadoiros "con símbolos totalitarios, distincións a militares golpistas como José María Rivera de Aguilar e Fernando Suárez Tangil", sendo estes últimos considerados fillos adoptivos do municipio. 

Alías, insisten na retirada do rueiro das referencias a "falanxistas como Diego Delicado ou Rodríguez Bautista".

Desde o punto de vista do partido nacionalista, que continúen existindo este tipo de homenaxes é "unha completa anormalidade pois, nunha sociedade con principios democráticos, non pode haber cabida para que haxa honras e distincións a membros que participaron e apoiaron a ditadura". Apuntan quer á represión dalgunhas persoas como aos asasinatos durante o franquismo.

“Que se manteñan en 2021 estas honras e distincións deixa en evidencia que hai que seguir traballando para que desmantelar os privilexios e favores da ditadura”, engaden, con preocupación.

Dada esta situación mesmo achegaron documentación informativa ao resto de grupos para poder debater con coñecemento da historia. Por exemplo, no caso da avenida dedicada a Miguel Rodríguez Bautista propoñen rebautizala como avenida das Heroínas de Sálvora ou dedicala a Xosé Neira Vilas, mais están abertos a outras posibilidades de consenso. O que si remarcan é que, de saír adiante a idea, os cambios teñen que decorrer antes do 30 de xuño deste ano.

Comentarios