As presas galegas de Saturraran

A traxedia dunhas mulleres encarceradas por Franco nesta prisión entre Mutriku e Ondarroa, en Euskal Herria. 

A militante comunista Isabel Ríos e a súa parella Manuel Calvelo
photo_camera A militante comunista Isabel Ríos e a súa parella Manuel Calvelo.

O 8 de febreiro de 1938 entraba en funcionamento a prisión de mulleres de Saturraran. O cárcere situábase nunha barriada do concello guipuscoano de Mutriku, limítrofe coa poboación biscaíña de Ondarroa, e ocupaba unhas antigas edificacións, destinadas en tempo a usos turísticos e relixiosos. Segundo Miren Ugarte “os inmóbeis onde instalaron as mulleres presas atopábanse nun estado lamentábel tras servir de cuartel a unha columna de gudaris e posteriormente aos fascistas. Os teitos estaban afundidos, as paredes porcas e agretadas, os cristais rotos, os tubos atascados e xa non ficaba mobiliario por ser traslado ás dependencias da Falanxe de Ondarroa”.

O número de reclusas que pasou polo cárcere, nos máis de seis anos de funcionamento, superou as 3.000. A maioría das prisioneiras procedían de fóra de Euskadi, á cabeza das mesmas situábanse as do norte peninsular, cun claro predominio das asturianas, porén, a partir de 1939, comezaron a chegar importantes continxentes da área catalá e castelá. A día de hoxe resúltanos imposíbel determinar con exactitude a cifra das galegas confinadas en Saturraran, se ben temos confirmada a presenza de 56 mulleres e de varias nenas e nenos, residentes, as máis, nas comarcas viguesas e pontevedresas e de composición social popular.

Un mínimo de 56 mulleres e varias nenas e nenos, procedentes de diversas comarcas galegas foron confinadas en Saturraran, prisión entre Mutriku e Ondarroa (Euskal Herria)

A significación social e política dalgunhas das presas levounos a centrar a atención, en moitas ocasións, naquelas de máis relevo. Situábanse, entre estas, Uranía Mella Serrano, filla do líder anarquista Ricardo Mella, militante comunista, presidenta da Unión de Mulleres Antifascistas, condenada a morte canda o seu compañeiro Humberto Solleiro e confinada en Saturraran durante seis nos anos. Outro tanto poderíamos dicir da alcaldesa da Cañiza María Gómez ou das xa mencionadas Josefa García Segret e Isabel Ríos Lezcano, recluídas no cárcere guipuscoano tras serlles conmutada a pena capital.

A vida en prisión das ‘fillas de débiles mentais’

As crianzas acompañaban, nalgúns casos, as súas nais no cativerio de Saturraran. A maioría delas chegaron ao penal guipuscoano coas súas proxenitoras, ao carecer de familiares que se puideran facer cargo das nenas, outras, como Carmiña Pico, filla da vilalbesa María Pico, naceron no propio cárcere. A falta doutros datos, sabemos da morte no centro de reclusión do neno Ramón Millán Fernández, fillo da pontevedresa Emilia Fernández, e da propia Carmiña Pico Rodríguez, falecida o 23 de xuño de 1939, a causa de bronquite. Uns días antes, concretamente o 6 de xuño, finaba no presidio a nena do Porriño Eufrasia Silva Acuña.

A separación das fillas das demócratas do seu círculo familiar formou parte do programa político do franquismo. Alén do negocio organizado arredor do comercio e venda de menores, o réxime, comezando polo seu psiquiatra de referencia, Antonio Vallejo Nágera, defendeu a necesidade de apartar as crianzas das familias, argumentando que “se os pais militan no marxismo de preferencias psicópatas antisociais, a nosa idea é a segregación social destes suxeitos desde a infancia para liberar a sociedade desta praga tan terríbel”. O “reputado” doutor Vallejo Nágera non dubidou tampouco en cualificar as nenas, que convivían coas súas nais nos presidios, como “fillas de débiles mentais”.

As condicións de vida das presas políticas confinadas no complexo de Saturraran foron extremas. O frío, a humidade e particularmente a fame operaron como unha auténtica praga para as reclusas, até o punto de consumir calquera cousa a man, sen reparar no seu estado. Así, a presa Natividad Morcillo lembraba como “por alí pasaba un rego con toda clase de produtos: mondas de patacas, herbas… e todo o que pasaba polo río comíano as mulleres”.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Comentarios