O PP rexeita unha iniciativa para retirar os símbolos franquistas

O PP rexeita unha iniciativa encamiñada á retirada de símbolos franquistas e afirma que xa está a cumprir a súa parte da Lei da Memoria. A deputada do BNG, Ana Pontón, autora da iniciativa cualificou a resposta de “cinismo”. 

Cruz do Castro
photo_camera Cruz do Castro

O BNG buscaba o consenso parlamentar para criar unha comisión integrada por representantes do goberno, concellos e asociacións de recuperación da memoria histórica e elaborar un calendario para a eliminación de símbolos franquistas de todo o territorio mais topou co rexeitamento do PP. 

A deputada nacionalista Ana Pontón reclamou á Xunta que cumpra a lei da memoria pola “dignidade das vítimas do franquismo” e o portavoz popular, Hipólito Fariñas respondeu que o Goberno galego “está a cumprir a lei”, argumento que empregou para rexeitar a iniciativa. Pontón lembrou alcaldes do PP que están a facer apoloxía do franquismo e cualificou de “cinismo“ unha resposta que bate con realidades como a do concello da Coruña que mantén 52 localizacións con simboloxía franquista. 

“Vostedes non toman partido polos dereitos humanos, o toman por seguir mantendo a eses franquistas neses lugares”, defendeu Ana Pontón, ao tempo que lembrou ao PP a demolición das políticas de recuperación da memoria histórica que botaron a andar a través da Consellaría de Cultura do goberno bipartito.  “O franquismo foi un réxime ilegal, perseguiu e asasinou a moitas persoas con crueldade polas súas ideas, no Estado español o Partido popular négase a   condenar o franquismo e a transición ten lagoas moi importantes”, sinalou a deputada.

Detecta e denuncia 

O BNG botou a andar tamén unha campaña en Vigo no que pide á cidadanía que denuncie os símbolos de exaltación do franquismo vixentes na comarca, comprometéndose a levar o tema ao pleno municipal para esixiren a súa retirada. O debate agudizouse en Vigo diante da negativa do alcalde Abel Caballero a tirar a cruz do Castro malia a sentenza xudicial que obriga a súa demolición. O BNG esixiu tamén a Abel Caballero que cumpra a sentenza e elimine o emblema máis visíbel na cidade e un obxectivo das agrupacións da recuperación da memoria histórica que levan tempo xa reclamando a súa retirada. 

Comentarios