O PP prohibe instalar unha placa homenaxe ás vítimas da represión fronte á illa de San Simón

Portos de Galicia impide que o colectivo A Regaduxa de Vilaboa instale un monumento en homenaxe ás vítimas da represión no peirao de Santa Cristina de Cobres, fronte á illa de San Simón. 

Regaduxa
photo_camera Actor de A Regaduxa

Despois de telo solicitado desde fins de 2011 e reiterar a petición en varias ocasións, xuntanzas incluídas, Portos de Galicia vén de denegar o permiso para instalar unha inscrición no peirao de Santa Cristina de Cobres en homenaxe ás vítimas da represión franquista. 

“No inicio a actitude foi de despido e desidia, prolongando a negociación mais, despois dunha preinauguración en abril deste ano á que asistiron os veciños intensificamos a negociación e desde Portos expuxéronos os seus recelos mais a negativa é xa unha mostra da súa actitude antidemocrática”, explica Tareixa Carro, tesoureira de A Regaduxa. Os recelos dos responsábeis de Portos de Galicia viñan, en primeiro lugar polo propio texto da inscrición no que aparecía a expresión “terror” referido á represión do franquismo, termo que non lles parecía adecuado. Despois argumentaron a seguridade, xa que as letras se instalarían no propio peirao mais desde A Regaduxa toparon tamén a solución por medio dunha baranda mais, mesmo así, o resultado foi distinto do agardado. “Memoria das vítimas do terror franquista en Vilaboa”, é a lenda escollida para o monumento. 

“O PP é o responsábel e esta é unha decisión ideolóxica sen dúbida algunha”, opina Tareixa Carro, de A Regaduxa

Accións en setembro

“Cando nos ían dar a autorización foi negativa e iso só se explica polo transfundo ideolóxico. Alegan que non ten a ver coa actividade portuaria mais hai moreas de placas e monumentos, á emigración por exemplo, en portos que non ten nada a ver con temas do porto e se permitiron. Neste caso as razóns son claramente ideolóxicas”, defende Tareixa Carro dunha homenaxe que consistía en letras de aceiro de vinte centímetros de alto colocadas nas pedras do dique de maneira que se puideran ler camiñando polo peirao en dirección a San Simón, a illa que se observa próxima en Cobres. “Escollemos ese porto precisamente porque foi feito con man escrava da Illa de San Simón”, sinalan da Regaduxa, a asociación dun concello que, con San Simón e Figueirido ten unha intensa e dura historia de represión. 

“O PP é o responsábel e esta é unha decisión ideolóxica sen dúbida algunha”, opina Tareixa Carro. “Portos de Galicia e por extensión o Partido Popular actúan como continuadores e herdeiros do franquismo. E ao prohibir esta homenaxe, atentan contra a memoria das vítimas e as súas familias”, sinalan dunha actitude que cualifican de “antidemocrática e atentatoria contra a memoria das vítimas”. .

A Regaduxa entregou xa un texto de protesta en Portos e en setembro convocará ás asociacións de memoria histórica para se sumaren a un acto de denuncia. O monumento fora feito por subscrición popular e nel colaborou moitas persoas que teñen na familia vítimas da represión.

Comentarios