O PP opta pola abstención na tramitación do decreto da exhumación de Franco

Non haberá división na dereita española parlamentar: quer PP quer Cs botarán man da abstención na tramitación no Congreso do decreto para a exhumación e traslado dos restos mortais de Franco. A bandeira da súa permanencia no Val dos Caídos fica en mans da ultradereitista Vox, a quen algúns inquéritos xa colocan no Parlamento.

pablo casado fGZ
photo_camera Casado, nun acto con Feixóo

O PP vaise abster na votación do decreto de exhumación de Franco, en coherencia co sentido do seu voto perante unha PNL socialista durante os gobernos Raxoi. 

"Tivemos unha posición de voto hai uns meses que imos manter", dixo esta segunda feira Pablo Casado, para quen o debate sobre Franco é unha "cortina de fume" en mans do goberno para desviar a atención sobre as "cuestións importantes".

Nun curioso pinchacarneiro dialéctico, Casado considera que este asunto a quen en realidade prexudica é o propio PSOE, sendo que a posición adoptada polo Goberno Sánchez non deixa de ser unha "emenda á totalidade" da "súa historia en democracia" e nomeadamente do feito no seu momento por Felipe González e Alfonso Guerra —o ex número 2 do partido socialista ten criticado a exhumación— durante a transición española.

En todo caso, non haberá votos dereitistas no Congreso contra o decreto. A oposición aberta ao traslado do cadáver de Franco vaina monopolizar o ultradereitista Vox, quen anuncia tamén que un dos seus obxectivos políticos é a derrogación da Lei da Memoria Histórica.

Comentarios