O PP négase a reprobar ao alcalde de Baralla e a pedir disculpas ás vítimas do franquismo

Nin pedir a demisión do alcalde de Baralla nin disculpa ás vítimas da represión. O PP négase a condenar o franquismo e opta por se erguer da Xunta de Portavoces da Deputación, convocada polo BNG despois das declaracións nas que González Capón xustificaba a violencia franquista porque, segundo dixo, as vítimas "o merecían". 

Xunta de Portavoces
photo_camera Xunta de Portavoces

O PP non reclamará ao seu alcalde Manuel González Capón que dimita do posto de alcalde e deputado provincial nin sequera se desculpará diante dos familiares das vítimas do franquismo. Erguerse e marchar foi a actitude na Xunta de Portavoces da Deputación antes de ter que se manifestar a respecto das afirmacións do alcalde de Baralla nas que facía apoloxía da represión franquista. 

“O Popular continúa situándose ao lado dos verdugos e non dos demócratas” sinalou o vicepresidente da institución provincial, Antonio Veiga  que lamentou que o PP nin reprobara nin pedira a dimisión dos dous cargos que ten González Capón, alcalde e deputado provincial. 

Para Veiga, González Capón só é o que pon voz ao que pensan o presidente do PP en Lugo, Xosé Manuel Barreiro ou o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. 

Erguerse da xuntanza

O BNG valora que a actitude do PP ao se levantar da Xunta de Portavoces sen debater a postura do organismo a respecto das declaracións de González Capón supón unha nova falta de respecto ás vítimas do franquismo. “A portavoz dos populares, Elena Candia, marchou da xuntanza dun órgano colexiado no que se trataba de buscar unha solución a este conflito; ela, e polo tanto a formación á que representa, burláronse, unha vez máis, de todos os galegos e galegas asasinados polo franquismo. Candia  levantouse para non ter que pronunciarse sobre este asunto e calar covardemente como fixo o seu partido xa fai un ano cando se levou a pleno a retirada de honores a persoas do franquismo” explica Antonio Veiga. 
 
Pola súa parte, o concelleiro nacionalista en Baralla, X. M. Becerra, tiroulle valora ás desculpas pronunciadas por algún dirixente do PP como o presidente do partido en Lugo, xa que, ao seu ver, nin foron inmediatas nin 
certas xa que, a tal altura é “inadmisíbel que o PP non teña obrigado a dimitir a González Capón”. O edil nacionalista considera que a gravidade das afirmacións de González Capón terían que facer imposíbel que continuase á fronte dun cargo institucional. Un alcalde que fai unhas afirmacións dese tipo non pode seguir nin un minuto máis no sillón da alcaldía” dixo Xosé Manuel Becerra.

Comentarios