Os portugueses asasinados por Franco

Homenaxean en Castrelo do Val os cidadáns portugueses represaliados polo fascismo na Galiza
Monumento aos carrilanos
photo_camera Monumento aos carrilanos

O 20 de agosto de 1936 eran asasinados no Monte da Ladeira de Portocamba Antonio Ribeiro, José María Sena, Ramiro Mateus e Emilio Alonso. Cidadáns portugueses, veciños de Campobecerros e Portocamba, traballadores das obras dos camiños de ferro, afiliados ao sindicato  libertario Confederación Nacional de Traballadores (CNT) e cun papel destacado na resistencia ao golpe de Estado fascista de xullo de 1936. Segundo sinala a Nós Diario o historiador Dionisio Pereira, “por volta de 1936 ocupábanse nas obras do ferrocarril, entre a localidade zamorana de Requejo e Baños de Molgas, arredor de 5.000 ou 6.000 persoas, a metade delas portuguesas, maiormente procedentes de Vinhais, unha parte das cales estaban organizadas sindical e politicamente”.

As circunstancias da súa morte ficaron na memoria popular. Arrancados da pensión onde residían por un grupo de gardas civís e falanxistas, paseáronos polas rúas de Campobecerros, conducíronos ao alto do Monte da Ladeira e alí, nun lugar coñecido como Lombo do Marco, executáronos. Os corpos de Sena e Mateu foron recuperados posteriormente pola veciñanza e enterrados fóra do adro da igrexa parroquial porén o de Ribeiro ficou no lugar do crime, descoñecéndose con exactitude a localización do cadáver de Alonso. 

361 cidadáns portugueses represaliados na Galiza

Os seus asasinatos non foron unha excepción naquela Galiza do terror posterior a 18 de xullo. Dionisio Pereira ten documentado a execución na Galiza duns 70 portugueses e portuguesas polos fascistas así como a aplicación de diversos procedementos represivos a 361 cidadáns desa nacionalidade radicados en diversas localidades do país. Sen ir máis lonxe, nos concellos limítrofes a Castrelo do Val atopámonos coa execución de varios operarios lusos adheridos aos sindicatos do CNT como o veciño da Vilavella na Mezquita, João Gonçalves ou o “carrilano” residente na Gudiña Joaquín Salgado Lopes. Outro tanto aconteceu noutras áreas da Galiza, aparecendo entre as vítimas  Mariano do Laço Chaves, unha peixeira de Viana do Castelo, veciña de Vigo e executada no Porriño.

A maioría dos cidadáns portugueses represaliados polo franquismo significáronse polos seus compromisos sindicais e políticos. Pereira ten sinalado o cambio de actitude dos operarios doutro lado do Miño a medida que avanzou o período republicano, destacándose varios deles como puntais chaves das organizacións de clase en diversos puntos da xeografía galega. Ao tempo, algúns e algunhas delas adheríronse a entidades e formacións do abano ideolóxico progresista, sinalándose para o caso da Federación Anarquista Ibérica (FAI) Julio Azevedo Veiga, para o caso do Partido Comunista de España (PCE) o referido Antonio Ribeiro e para o caso do nacionalismo galego, Domingo Juncal, militante do Partido Galeguista en Vigo, paseado o 5 de outubro de 1936 nas Gándaras do Porriño.

A memoria dos portugueses e portuguesas vítimas do terror fascista na Galiza é unha historia esquecida a unha e outra beira do Miño. A este respecto, a antropóloga e profesora da Universidade Nova de Lisboa Paula Godinho explica a Nós Diario que “o público portugués en xeral non ten un coñecemento moi detallado do acontecido cos portugueses represaliados por manterse fieis aos seus principios. A nivel da historia e da antropoloxía, a cuestión merece algunha atención, tamén no ámbito da comunicación social hai algún traballo mais non é un asunto que estea na orde do día. Debería haber un movemento a nivel de Estado, porque os Estados democráticos da península son herdeiros destes homes e destas mulleres que deron a vida pola democracia”. 

O vindeiro domingo 9 de agosto ás 12 da maña convocados polo Concello de Castrelo do Val, nas terras de Campobecerros e Portocamba vólvese homenaxear os cidadáns portugueses perseguidos polo franquismo, na figura de Antonio Ribeiro, José María Sena, Ramiro Mateus e Emilio Alonso. O acto está impulsado por Paula Godinho, a xornalista da Radio Televisión Portuguesa, Ana Luísa Rodrígues e o historiador Dioniso Pereira, e nel vaise repor unha placa en lembranza dos portugueses vítimas dos fascistas españois. “A inauguración da placa e a homenaxe aos asasinados levouse adiante por primeira vez en 2012, porén, un grupo de peregrinos esnaquizárona uns anos máis tarde”, destaca Dionisio Pereira. 

Espazo da memoria

“A memoria ten unha continxencia biolóxica como seres vivos que somos. É preciso crear lugares para a memoria, con placas, monólitos ou cursos de verán para traer estes temas ao debate público. Lembrar en conxunto é moi importante porque esta memoria sombría de tempos horríbeis ten que converterse en memoria de esperanza”, quen así fala é Paula Godinho, antropóloga da Universidade Nova de Lisboa.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios