Porcos na cidade

Captura de pantalla (60)

Na fotografía de Ruth Matilda Anderson que encabeza este texto, tomada o 16 de outubro de 1924 diante do desaparecido colexio San Clemente, hoxe Instituto Rosalía de Castro de Compostela, podemos ver como varias roladas de porcos toman o camiño do campo de Santa Susana, onde cada quinta feira había feira de gando. Non sabemos a data exacta en que comezou este mercado mais sabemos que neste espazo se empezou   a negociar con mercadorías do gando ao redor de 1552.   En 1676  denegouse unha licenza no lugar por molestar a feira de gando, demostrando a importancia deste uso no monte . A feira acabouse desprazando cara á parte superior do monte, provocado polo interese da área inferior como espazo urbano e tamén de lecer. Aquí tamén se celebraron, moitas veces, actividades non permitidas dentro das murallas. Sobre as transformacións habidas neste espazo ao longo do tempo ofrece unha boa perspectiva Minia Bravo Pintos de quen tomamos as notas anteriores.

Porcos en locais inmundos

Percorrer hoxe aquelas rúas, a de San Pedro, San Roque, As Rodas ou As Hortas, e toparmos nos baixos ou nos sotos dos seus predios concorridos restaurantes ou tendas de delikatessen que, literalmente, abren o apetite a través dos variados aromas que desprenden, é algo habitual. 

Mais se viaxarmos un século para atrás, ou menos, toparíamos no mesmo lugar en que hoxe hai nomeados restaurantes con cortes para cabalos ou cortellos para  porcos. Aí os aromas xa non eran os mesmos, sobre todo no verán. Por iso as queixas dos veciños da rúa dos Loureiros: os encargados da limpeza non visitan aquela rúa na cal hai “multitude de porcos en locais inmundos”. Análogas queixas chegan das Rodas, Cruceiro do Gaio, San Roque e moitas outras rúas. Criar porcos na cidade era un bon negocio e ademais, como na serie animada de Hanna-Barbera, reciclaban os restos da comida.

Durante centos de anos nas rúas de Compostela conviviron, cada quinta feira, persoas e animais. A prensa informaba das transaccións levadas a efeito, unha parte delas reinvestida na cidade.  “Concurridísimo estuvo el mercado franco viéndose el campo de Santa Susana literalmente cuajado de feriantes de todas clases” informa La Ilustración Cantábrica seis meses antes da foto tomada por Ruth Matilda. A información completábase coas liortas, claro, que as houbo e moitas: “José Llodio y Secundina Pazos fueron denunciados por formar un alboroto en la feria de Santa Susana”

Cebas a prezos subidos

Os porcos encabezaban as vendas “magnífico e ben abundante foi o mercado de porcos verificado onte en Santa Susana. Vendéronse excelentes cebas a prezos subidos” di a Gaceta de Galicia de decembro.

Eses “prezos subidos” queren dicer que, segundo o tamaño, un exemplar cebado oscilaba entre 75, 100 ou 125 pesetas. Daí os veciños se queixaren ao concello de falta de limpeza, mais non solicitan que se impida criar porcos. Non era un mal negocio e podía supor o 10 por cento do salario anual de, por exemplo, un mestre. A cualificación de asistencia oscilaba entre concurridísmo e pouco concorrido. E algunha que outra discusión que por veces acababa en denuncia, ou en navalladas, que de todo houbo.

E así foi semana após semana até que en 1971 o mercado foi trasladado de Santa Susana aos Salgueiriños e máis tarde Amio. E outros animais invadiron os espazos que antano ocuparon galiñas, cabalos ou porcos.


 

Comentarios