Pontevedra retirará os títulos honoríficos e do rueiro a cinco franquistas

Para “borrar da memoria colectiva eses nomes” quitarase do rueiro ao Marqués de Valterra e retiraranse os títulos dos militares franquistas Salvador Moreno, Fermín Gutiérrez Soto e Ángel Ramírez de Cartagena y Marcaida, así como o de Fernández de la Mora y Mon, ministro durante a ditadura.

Avenida Marqués de Valterra, en Pontevedra. (Foto: Google Images)
photo_camera Avenida Marqués de Valterra, en Pontevedra. (Foto: Google Images)

Na vindeira comisión de cultura do Concello de Pontevedra estará sobre a mesa a retirada do nome de Marqués de Valterra do rueiro da urbe, anunciou a segunda feira a voceira municipal, Anabel Gulías.

Ao tempo, tamén serán retirados os títulos honoríficos dos militares franquistas Salvador Moreno, Fermín Gutiérrez Soto e Ángel Ramírez de Cartagena y Marcaida, así como de Fernández de la Mora y Mon, ministro durante a ditadura franquista.

Gulías explicou que o Concello busca "continuar limpando os rueiros da cidade da pegada franquista e recuperar a dignidade" cun traballo de investigación a carón das asociacións.

A decisión chega despois dunha reunión a semana pasada da voceira co concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, a edil de Patrimonio Municipal, Carme da Silva, e entidades e persoas vinculadas á memoria histórica.

Baseado na súa “vinculación estreita coa ditadura” e o “papel represor” en contra da cidadanía de Pontevedra, Gulías incidiu en que este proceso conte “co maior consenso”.

"Non creo que ningún membro da Corporación se opoña a retirar nomes que supoñen dor, represión e ditadura", sentenciou, facendo fincapé na necesidade de “borrar da memoria colectiva eses nomes”.

Nomeamentos

Nun pleno o 30 de decembro de 1952 outorgouse o nome de avenida Marqués de Valterra en relación a Pascual Díaz de Rivera y Casares, un militar responsable da política pesqueira do réxime.

As honras serán retiradas aos militares Salvador Moreno -fillo adoptivo desde o 23 de maio de 1942-, Fermín Gutiérrez Soto -fillo adoptivo desde o 22 de xuño de 1939 e medalla de ouro desde o 30 de marzo de 1960- e Ángel Ramírez de Cartagena y Marcaida -fillo adoptivo desde o 16 de agosto de 1976-.

De igual modo, deixará de ser fillo adoptivo de Pontevedra Gonzalo Fernández de la Mora y Mon, quen foi ministro de Obras Públicas do réxime franquista, entre 1970 e 1974.

Comentarios