Pontevedra rende homenaxe a un cento de represaliadas

O Concello de Pontevedra organiza esta sexta feira, 27 de novembro, unha homenaxe institucional ás mulleres que sufriron a represión franquista. 

No acto, que se celebrará ás 20.30 horas no Teatro Principal, lembrarase o nome de case un cento de mulleres que foron vítimas de todos os tipos de represión: asasinato, como Consuelo Acuña ou Elvira Lodeiro; o rapado do cabelo, como Custodia Gama, Camila Pintos Blanco, Carmen Echevarría, Aurelia Garrido, Olivia Tomé, Asunción Vilas A Vidala ou Encarnación Silva; prisión, como Enma Mourón, Josefina Arruti, Carmen Abuín, Josefina Blanco ou Asunción Vilas, presa en Saturrarán. Tamén ás exiliadas, ás que agocharon a perseguidos, ás que sufriron castigos económicos e laborais e ás que perderon a familiares. 

Este acto é resultado do traballo de pescuda e investigación desenvolvido durante anos polo historiador Xosé Álvarez Castro e complementado con ducias de entrevistas a familias que realizou a xornalista e escritora Montse Fajardo.

Na homenaxe participará unha representación das familias represaliadas e haberá intervencións de Montse Fajardo, María do Carme Lores (neta de Isolina Villaverde e de Aurelio Torres, asasinado o 23 de agosto do 36) e do alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores. Tamén se proxectará un vídeo con imaxes de mulleres represaliadas, algunhas delas inéditas, e entregarase unha publicación divulgativa sobre o tema.

Ademais do acto, o Concello prevé tamén reforzar a presenza das mulleres nos espazos públicos mediante a denominación de parques, prazas e rúas; a creación de roteiros urbanos; e creación de murais artísticos e a instalación de rótulos e inscricións que recoñezan e divulguen a achega das mulleres á historia da cidade, tanto desde o punto de vista individual como colectivo.
 

Comentarios