mércores 19.02.2020

Pontevedra honra a memoria das mulleres

Represaliadas e resistentes serán homenaxeadas de maneira institucional esta sexta-feira (27 de novembro) no Teatro Principal.

Emilia Carril, A Lamboira. Foi rapada polos fascistas
Emilia Carril, A Lamboira. Foi rapada polos fascistas

Elas tamén foron asasinadas, represaliadas mais tamén resisitiron e combateron o fascismo. Consuelo Acuña (fusilada), Elvira Lodeiro (fusilada), Custodia Gama (represaliada), Camila Pintos (represaliada), Emma Mourón (apresada), Josefina Arruti (apresada). Estes serán algúns dos nomes que se escoiten esta sexta-feira no Teatro Principal de Pontevedra na homenaxe institucional que o goberno local lle renderá ás mulleres que sufriron a represión fascista mais tamén que combateron o réxime, mais cuxos nomes caeron no esquecemento da historia. 

O acto fai parte da programación enmarcada no proxecto A memoria das mullerese con el queren resgatar case un cento de nomes de "asasinadas, rapadas, encarceradas, depuradas, aldraxadas" e aquelas mulleres que foron "sinaladas polo seu compromiso político ou polo parentesco". Coa súa leitura pública a corporación municipal visa representar "a emoción e o orgullo que sentimos polas súas vidas xenerosas". 

O Concello de Pontevedra pulará pola visibilización das mulleres represaliadas con nomes de rúas e prazas mais tamén con murais, rótulos e inscricións que recoñezan e divulguen a súa historia

O acto supón o resultado, explican desde o goberno local, das pescudas desenvolvidas polo historiador Xosé Álvarez Castro, complementadas con ducias de entrevistas que levou a cabo a xornalista Montse Fajardo. O seu traballo investigador foi compilado nunha publicación divulgativa que se entregará ao comezo do acto de homenaxe xunto coa proxección dun vídeo no que se inclúen imaxes inéditas destas mulleres. 

No mesmo, estarán presentes María do Carme Lores (neta de Isolina Villaverde e Aurelio Torres, asasinado o 23 de agosto de 1936) e o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores. 

Para alén do acto o acordo municipal arredor da memoria das mulleres comprométese tamén a pular pola súa visibilidade pública mediante a denominación de parques, prazas e rúas; a creación de roteiros urbanos; e creación de murais artísticos e a instalación de rótulos e inscricións que recoñezan e divulguen a achega das mulleres á historia da cidade, tanto desde o punto de vista individual como colectivo.

comentarios