Pontevedra homenaxea a catro mulleres que gardan a memoria da represión

Amalia Bóveda, Concha Nogueira, Elvira Varela  e Melania Castro Nieto serán homenaxeadas nas xornadas “Represaliadas e resistentes” organizadas polas concellarías de Cultura e Patrimonio e que se desenvolven venres 7 e sábado 8 no Pazo da Cultura. 

Homenaxe "Mulleres con memoria" no ano 2007
photo_camera Homenaxe "Mulleres con memoria" no ano 2007

As catro teñen ás súas costas unhas traxectorias biográficas nas que se cebou a represión franquista. Amalia é filla de Alexandre Bóveda, asasinado cando aínda ella non nacera. Os pais de Concha Nogueira son dúas das vítimas que morreron no Bou Eva, un dos acontecementos que máis conmocionaron dos acontecidos despois do golpe militar na Galiza. A Elvira Varela a vida cambioulle cando prenderon a súa nai, a mestra Elvira Varela Bao e Melania Castro pode contar como ella e sua nai foron ameazadas despois de que os falanxistas prenderan a seu pai, o alcalde de Barro que pasaría dous anos no campo da Illa de San Simón. 


As mulleres como peza fundamental da resistencia, como vítimas da represión e depositarias e transmisoras de memoria son as protagonistas deste programa que bota a andar o Concello de Pontevedra a través das súas concellarías de Cultura e Patrimonio, e que integra desde traballo de difusión en barrios, parroquias e centros de ensino con proxeccións de audiovisuais e conferencias até a organización das “Xornadas sobre a represión franquista contra as mulleres” que teñen lugar os días 7 e 8 de xuño. 

A presentación do proxecto “Digna rabia” da man de Ángel Rodríguez Gallardo e M. Victoria Martins, a proxección do documental “As silenciadas “Historia de mulleres represaliadas na posguerra” de Pablo Ces con guión e investigación de Aurora Marco ou a apertura da exposición “Vermellas. Chamábanlles “rojas” da USC-Campus de Lugo, comisariada por Carme Blanco son algunhas das actividades que integra o programa. 

Unha homenaxe cun roteiro da represión franquista de xénero en Pontevedra guiado por Pepe Álvarez Castro terá lugar o venres 28 de xuño a partir das 20 horas. 

Simposio sobre a Represión

O programa xira tamén arredor do “Simposio sobre a represión franquista contra as mulleres”, que ten lugar no Pazo da Cultura os días 7 e 8 de xuño, xunta à boa parte das persoas que investigaron e traballaron pola recuperación da memoria das mulleres. 

Dúas das máis destacadas investidoras e difusoras da historia das mulleres abrirá e pecharán o simposio de Pontevedra. A profesora Carme Balanceo será a encargada de inaugurar ás 17.15 do venres 7 as intervencións coa conferencia “Memoria, mulleres, represión, resistencia e liberación” mentres Aurora Marco pechará o simposio o sábado 8 ás 19.15 coa titulada “Galegas na resistencia antifranquita”

Entre as dúas charlas, darase conta do estado da investigación, das políticas públicas da memoria e o seu desmantelamento, ou de experiencias particulares de recuperación da historia, alén da homenaxe pública tributada a un grupo de persoas que viviron directamente o golpe militar e a represión que veu despois. 

Entre as distintas intervencións, Andrés Domínguez Almansa presentará os resultados do proxecto Nomes e Voces, Julio Prada falará do franquismo e a represión de xénero, Ana Cebreiros achegaranos á Sección Feminina, Victoria Martíns ás galegas nos cárceres franquistas e Xosé Álvarez Castro á represión contra as mulleres en Pontevedra. Luís Bará repasará as políticas públicas da memoria na Galiza e os grandes fitos de recuperación que tiveron lugar no goberno da Xunta de 2005-2009. 

PROGRAMA

Venres 7 de xuño

• 16.30h. Recepción de participantes; 17 h. Acto de apertura
• 17.15 Conferencia de apertura: Carmen Blanco: "Memoria, mulleres, represión, 
resistencia e liberación"
• 18 Andrés Domínguez Almansa: Presentación dos resultados do proxecto Nomes e 
Voces. Represión e muller. Coloquio
• 19.15 Mesa redonda coa participación mulleres represaliadas e resistentes


Sábado 8 de xuño

• 10.30 Julio Prada: Franquismo e represión de xénero en Galiza
• 11.30 Ana Cebreiros. “Mujeres para España”. A Sección Femenina de Falange.
Coloquio
• 13h Xosé Álvarez Castro: a represión contra as mulleres en Pontevedra
• 17h Luis Bará e Carme Vidal: Políticas públicas da memoria en Galiza (2005-2009). 
Mulleres con memoria.
• 17.45 Victoria Martins: Galegas nos cárceres franquistas. Coloquio
• 19.15 Conferencia de clausura: Aurora Marco. Galegas na resistencia antifranquista

Comentarios