Pontevedra e Poio lembran a Alexandre Bóveda no 'Día da Galiza Mártir'

A Caeira (Poio) centrará os actos institucionais pola mañá e a Praza de Curros Enríquez (Pontevedra) o acto político contra o serán. A Fundación 'Alexandre Bóveda' entregará o VII Premio 'Día de Galiza Mártir á recuperación da Memoria Histórica' á Xosé L. Rivas Cruz (Mini) e a Baldomero F. Iglesias Dobarrio (Mero) nun xantar no Pazo da Cultura e pola tarde visitará o Cemiterio de San Amaro.
monumento a 'Galiza Mártir'

A Fundación Alexandre Bóveda fixo pública a programación de actos do 17 de agosto, Día da Galiza Mártir, nesta edición 2012. Comezarán coa tradicional Homenaxe Institucional do Concello de Poio no monumento a Alexandre Bóveda na Caeira en Poio (13 horas). Nel intervirán en representación dos concellos vinculados á vida e morte de Bóveda, Silvia Díaz Iglesias (Concelleira de Cultura), Isabel Pérez (Tenente de Alcalde do Concello de Ourense), Miguel A. Lores (Alcalde do Concello de Pontevedra), Luciano Sobral (Alcalde de Poio) e Amalia Bóveda (en representación da Familia Bóveda). Despois dos parlamentos realizarase unha homenaxe floral e a Escola de Música Tradicional de Poio interpretará o Himno nacional galego.

Ao mediodia (14 horas) terá lugar o xantar no Pazo de Cultura (rúa Alexandre Bóveda, Pontevedra) no que se entregará o VII Premio 'Día de Galiza Mártir á recuperación da Memoria Histórica' que nesta ocasión recibirán Xosé Luís Rivas Cruz (Mini) e a Baldomero Francisco Iglesias Dobarrio (Mero). As inscricións realízanse a través da páxina da propia Fundación.
Pola tarde realizarase unha cerimonia de aniversario na Capela de San Amaro (18:30 horas) e un acto cívico diante do sartego de Alexandre Bóveda no que intervirán Mini e Mero (19 horas), ambos no cemiterio de San Amaro de Pontevedra.  

Contra o serán celebrarase o acto político (20:30 horas) coas intervencións de Ernesto Vázquez, Valentín G. Bóveda e Francisco Jorquera (Deputado do BNG no congreso dos Deputados) na Praza de Curros Enríquez diante do monumento a Bóveda.

'Día da Galiza Mártir' no Centro Social 'A Revolta'
Asociación Cultural 'Revira' realizará o 17 de agosto varias actividades para lembrar, tamén, o Día da Galiza Martir. Comezarán ás 19 horas cunha palestra do historiador Xosé Álvarez arredor da "Represión durante a guerra civil na comarca de Pontevedra". Despois celebrarase unha cea de confraternización que rematará cun concerto a cargo de Leo e arremecaghoná. As inscricións para a cea realízanse a través do correo electrónico [email protected].

No número 9 do semanario Sermos Galiza entrevistamos a Mini e Mero e repasarmos canda eles a súa traxectoria profesional.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios