Unha ponte para evidenciar fronteiras

A Real Orde de 26 de febreiro de 1880 aproba o proxecto presentado polo arquitecto Pelayo Mancebo para construír unha ponte sobre o Miño que comunicaría España con Portugal, aínda que toda a prensa vendía que uniría Tui con Valença. No mesmo ano, en agosto, apróbase o concurso para a adxudicación do camiño de ferro que haberá de comunicar a estación de Guillarei coa ponte de Tui.

Día da Inauguración da ponte de Tui
photo_camera Día da Inauguración da ponte de Tui

Atrás quedaban os debates sobre onde se debía construír a ponte e comezaba a construción propiamente dita que culminou coa posta en servizo en 1886, case ano e medio despois da súa finalización. Antes de o proxecto ser aprobado, La Ilustración Gallega y Asturiana, de 28 de xaneiro de 1880, publicou un gravado, asinado por Faustino Domínguez, arquitecto provincial, que daba toda clase de detalles sobre a ponte. Domínguez nada ten a ver co proxecto mais era colaborador asiduo de La Ilustración e este medio foi un dos principais impulsores a nivel público da construción da ponte no lugar denominado Poste Vermello, mentres que na parte portuguesa a ponte asentaría no lugar denominado Caes do Vapor.

Na poxa da obra, en Lisboa a 30 de xuño de 1881, participaron 8 empresas, entre elas Eiffel et Cie, mais a adxudicación final foi para a belga Braine-le-Compte. Discusións técnicas entre empresa e arquitectos supervisores, especialmente no referido a como se debían construír as bases, fixeron que as obras non comezasen até maio de 1882.

Durante as obras houbo algún que outro accidente laboral. Un deses é o que nos refere a Gaceta de Galicia de 7 de abril de 1883. Sucedeu cando se traballaba en desmontar os aparellos de ferro do primeiro piar. Por un impulso violento do vapor da máquina que alí funcionaba varios traballadores foron “impelidos” ao río mais só dous quedaron “contusos” aínda que, iso si, case morren afogados.

Na poxa da obra, en Lisboa a 30 de xuño de 1881, participaron 8 empresas, entre elas Eiffel et Cie, mais a adxudicación final foi para a belga Braine-le-Compte

Un ano máis tarde deste accidente, xa en novembro de 1884, a prensa da Galiza está escandalizada porque, de noite, os soldados da banda portuguesa fan prácticas de tiro coa garda civil da parte tudense e, aínda que non hai feridos, os nervos da benemérita non teñen acougo.

Mais voltemos á ponte. O proxecto de Mancebo gozou desde o principio da consideración de obra de arte. El mesmo se encargou de a definir como un elemento destinado a se integrar na paisaxe arquitectónica da contorna. Neste sentido deseña os estribos da ponte para “conciliar as condicións estéticas coas de utilidade e economía”, transformándoos en balcóns abertos ao río para desfrute dos paseantes.

Sabedor do valor arquitectónico que atesouran Valença e Tui, di fuxir de dar aos estribos o aspecto de fortificación que en obras análogas soen presentar “porque entendo que proxectando a obra desde o camiño de Tui, baixo os muros da praza forte de Valença a comparación entre o real e o que imita había de dar un carácter falso e pueril.”

En novembro de 1884, a prensa da Galiza está escandalizada porque, de noite, os soldados da banda portuguesa fan prácticas de tiro coa garda civil da parte tudense

Durante a construción da obra, e seguindo o proxecto asinado en 31 de marzo de 1883 polo coronel comandante do exercito de Vigo Gerardo Dorado, establecéronse “hornillos de mina”, en previsión dunha guerra con Portugal, co que o goberno español tiña asegurada a destrución da ponte de ser preciso. Vaia cegueira a do poder militar!! Co fácil que é entrar, ou saír, pola raia seca!!

En febreiro de 1885 realizáronse as probas de carga con 8 máquinas de 68 toneladas cada unha e acordáronse as condicións de explotación da obra: serían os trens procedentes da Galiza os que chegarían a Valença para así facilitar o mellor intercambio de viaxeiros.

En maio de 1898 a luz eléctrica iluminou a ponte. A prensa, e os discursos políticos falan de que, por fin, dous pobos irmáns, enténdase España e Portugal, se dan a man. Na realidade a ponte serviu para facilitar o intercambio de mercadorías e viaxeiros entre España e Portugal, mesmo para agrandar os beneficios na alfándega de Vigo, mais non serviu para unir as dúas beiras do Miño.

Así o reflicte Castelao na estampa do álbum Nós en que dialogan un vello, de costas dadas para o Miño, e unha figura infantil que interroga abertamente sobre os da banda de alá. Castelao mantén o enigma, a ambigüidade na resposta. A indefinición do vello remete ao pasado; a pergunta do neno aponta ao futuro.

A ponte serviu para facilitar o intercambio de mercadorías e viaxeiros entre España e Portugal, mais non serviu para unir as dúas beiras do Miño

Máis de 130 anos despois a ponte segue aí, xa sen gardas que a custodien. Sen pasaportes que presentar. Sen fronteira visíbel. Sen Garda Civil. Sen GNR. Mais a comunicación de Galiza con Portugal segue a bater cunha fronteira invisíbel. Necesitamos abrir unha ponte de fraternidade cara aos da banda de alá. E dos da banda de alá para os da banda de acá. Só así poderemos cruzar libremente a ponte.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios