Identifican o candidato do BNG por 'cambiar' unha placa franquista na Coruña

Xosé Manuel Carril colocou de forma simbólica un folio co nome de ‘Fonte de Santo André’ no lugar da placa actual que homenaxea o  'General Mola’, un dos organizadores do golpe de estado de 1936. Na Coruña persisten aínda 32 símbolos franquistas, delas 23 nomes de rúas, en aberta conculcación da Lei de Memoria Histórica.

Foto-BNG A Coruña
photo_camera Fotos: BNG A Coruña


Un acto do BNG para reivindicar o cumprimento da Lei de Memoria Histórica na Coruña rematou co candidato nacionalista á Alcaldía, Xosé Manuel Carril, identificado por axentes da policía nacional e local. A fronte denuncia que os axentes interromperon a protesta pola presenza de simboloxías franquistas e fascistas nas rúas da cidade herculina. 

A actuación policial chegou despois de que Xosé Manuel Carril colocara un folio co nome ‘Fonte de Santo André’ no lugar da placa actual na rúa que homenaxea o ‘General Mola’. O candidato reiteraba minutos antes o compromiso do BNG-Asambleas Abertas de retirar todos os símbolos da ditadura. 

“Queren seguir conservando o medo”, manifestou ao respecto Fernando Souto, número 8 da lista nacionalista e presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica. Souto preguntouse con ironía que “acto meritorio” fixo Mola, un dos organizadores do golpe de estado de 1936, para merecer unha rúa. “Este home deu a orde de que a violencia debía ser extrema e que debían ser fusiladas as persoas que non pensasen coma os franquistas”. 

Carril expuxo algunhas das propostas do programa electoral para as municipais do BNG da Coruña “encamiñadas á supresión da simboloxía fascista e a dignificar a todas as persoas que foron represaliadas e as que foron vítimas da ditadura”. Unha batería de medidas que, segundo a formación nacionalista, son froito das achegas da Comisión de Memoria. Na cidade aínda persisten 32 símbolos que enxalzan o levantamento e o réxime fascista, delas 23 nomes de rúas.

“Recuperar a nosa memoria”

Apuntou á retirada do escudo franquista e dos retratos dos alcaldes da ditadura no pazo de María Pita, entre outros elementos, ben como a mudanza dos nomes de rúas e colexios relacionados co réxime fascista. O cabeza de lista do BNG recordou que existe un acordo plenario de 2009 que obriga a súa supresión. Fernando Souto reivindicou as rúas como “espazos de convivencia e non lugares onde se hora e distingue persoas franquistas”. 

A fronte nacionalista anunciou tamén que impulsará a retirada da distinción honorífica de fillo adoptivo a Manuel Fraga e outros membros da ditadura de Franco, e apoiará a querela que impulsa a xustiza arxentina polos crimes de lesa humanidade cometidos durante a ditadura.

O candidato do BNG-Asambleas Abertas fixo ademais un chamamento a recuperar a memoria do país e da cidade.  “Non pode entenderse o presente e construír o futuro se ignoramos o pasado”, dixo. Anunciou que fomentará a investigación da historia da Coruña e a posta en valor do Día da Galiza Mártir e do papel do nacionalismo no Estatuto do 36.

Comentarios