A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galiza autorizou cubrir o escudo franquista presente na fachada do IES Santa Irene de Vigo, logo de que inicialmente o rexeitase por "perigo de danos" na zona na que se localiza.
Segundo informou a Consellaría de Cultura e Turismo nun comunicado, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural aceptou o expediente de modificación da proposta de actuación no escudo franquista do centro educativo logo de que se optase por tapar o símbolo fascista con metacrilato en lugar de cunha chapa metálica de aceiro inoxidábel, como se pretendía inicialmente.
Para Patrimonio, esta fórmula é "máis branda e respectuosa" co inmóbel que a anterior, razón pola cal acepta que se tape un escudo que definiu como "un dos elementos pétreos singulares do edificio".
Indignación entre os colectivos memorialísticos
A negativa da Xunta da Galiza de tapar ou retirar esta simboloxía da ditadura da fachada do IES Santa Irene de Vigo provocou a indignación entre colectivos memorialísticos como Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), que afirmou que logo de 45 anos da morte do ditador as escusas son "inaceptábeis, e máis no eido do patrimonio, no que o franquismo se caracterizou por destruír milleiros de bens materiais e inmateriais do noso pobo".
Por iso, defenden que a "tímida lexislación non pode ser interpretada a favor de que o escudo franquista sexa considerado en si mesmo como valor histórico ou artístico, tal como fixo a Xunta da Galiza". "É un insulto ás vítimas do fascismo", conclúen.