O acto será ás cinco da tarde e nel intervirán Francisco Rodríguez, un dos coautores do volume, Patricia Torrado Queiruga -autora do texto Mulleres en loita a comezos do século XX- e Roberto Vilaméa, do Consello de Administración de Sermos Galiza, editora do volume.
Dúas horas máis tarde (19:00) haberá unha ofrenda floral na ponte de Cans, organizada por familiares e amigos das mártires coa colaboración da Comunidade de Montes de Nebra. O BNG de Porto do Son tamén renderá honores ás campesiñas asasinadas na mesma ponte. Será ás seis da tarde ao pé do monolito que lembra as mortas e intervirán Santiago Suárez e o candidato do Bloque á alcaldía do concello Balbino González.