O pleno do Concello da Coruña debaterá a condena da ditadura franquista

O BNG traslada a proposta de Iniciativa galega pola memoria nunha moción na que se propón facer unha homenaxe pública a traballadores e cargos do Concello represaliados polo franquismo.

franquismo

O grupo municipal do BNG rexistrou unha moción para o seu debate no Pleno desta segunda feira, 4 de xullo, na que se propón, "coincidindo co 80 aniversario do golpe de Estado de 1936", a recuperación da memoria histórica e de condena da Ditadura. Os nacionalistas trasladan nesta moción a proposta que lle foi achegada desde a Iniciativa Galega pola Memoria, na que participa a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.

O BNG propón que o Concello da Coruña expresa a súa condena formal do golpe de estado de 1936 e a ditadura franquista. “As institucións públicas deben ter un posicionamento claro de condena do golpe de Estado do 36, da Ditadura franquista e da brutal represión que sufriron miles de galegos e galegas ao longo dese terríbel período histórico”, explican. Propoñen que ao longo deste ano se desenvolva un programa de actividades, “en colaboración con entidades da memoria e outras administracións”, que se centren na memoria histórica, a represión e a resistencia contra o fascismo.

Por último, a iniciativa tamén recolle a proposta de que o Concello da Coruña organice unha homenaxe pública aos cargos políticos e aos traballadores e traballadoras da institución que foron vítimas da represión franquista e a eliminación, supresión ou anulación, de seguir estando vixentes, dos acordos, distincións e símbolos, e calquera outra manifestación institucional, que reflictan a adhesión e colaboración da institución coa Ditadura”, afirma a concelleira nacionalista, Avia Veira.

Comentarios