A decisión da familia do ditador trascendeu a última hora de onte

O Concello da Coruña e Defensa do Común rexeitan á venda da Casa Cornide por parte dos Franco

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, aclara que manteñen o proceso para convertir o edificio nun Ben de Interese Cultural (BIC) mentres o colectivo cidadá advirte de que manterá a súa posición "ríxida e inflexíbel" para que o edificio regrese ás mans do pobo. Namentres a inmobiliaria Philippot&Lloyd Real Estate colgou imaxes da vivenda na plataforma online 'Fotocasa.es' sen aclarar o prezo que están a demandar os Franco
Interior Casa Cornide Cuarto
photo_camera Imaxe da Casa Cornide publicada pola inmobiliaria (Foto:Philippot&Lloyd)

A decisión da familia Franco de pór á venda a Casa Cornide, en pleno centro da Cidade Vella da Coruña, non foi ben acollida quer polo Concello, quer pola cidadanía. Tanto o Concello como a Plataforma en Defensa do Común amosaron o seu disgusto coa nova. Ao tempo que as imaxes do interior do pazo -exemplo do barroco coruñés xunto coa Casa Paredes- comezaron a distribuírse pola rede, a inmobiliaria negouse a aclarar a Nós Diario a canto ascende a contía que piden os herdeiros por “non estar autorizada”.

Porén, o feito de que Philippot & Lloyd Real Estate non aclarase unha das grandes preguntas da xornada (na Coruña e, ao mellor, en toda Galiza) non impediu que distintas voces se deixasen escoitar na cidade. A alcaldesa, a socialista Inés Rey, afirmou que o Concello segue coa súa idea de converter en Ben de Interese Cultural (BIC) a edificación do século XVIII. Co xuízo polo pazo de Meirás aínda a expensas de resolución, a rexedora recoñeceu que os trámites se adiaron un pouco pola obriga de confinamento pero asegurou que xa foron reiniciados.

Malia ese avance non queda claro se a declaración chegará a tempo para evitar un negocio de compra-venda e conseguir o retorno da propiedade ao patrimonio público. Neste contexto, Rey incidiu en que “as actitudes de desprezo da familia Franco cara o público e a legalidade son evidentes; esta é unha delas”.

Unha vella demanda cidadá

Se hai anos xa foran militantes do BNG os que demandaran de xeito aberto que a casa pasase a ser pública, nos últimos tempos tanto a Asociación de Veciños da Cidade Vella como a Plataforma Aberta en Defensa do Común fixeron o propio. Na memoria de moitos queda unha escenificación caricaturesca do que puido pasar cando a Casa Cornide cambiou de mans por última vez. Alí houbo quen exerceu de Francisco Franco, Carmen Polo, Felipe VI, Pedro Barrié de la Maza e o ex alcalde Alfonso Molina.

O voceiro de Defensa do Común, Ricardo Vales, explicou a este xornal que non agardaban a saída ao mercado inmobiliario e reiterou que o edificio debe ser “patrimonio público”. “Tiña que ser BIC xa porque así as institucións terían dereitos de tanteo: o que queremos é que se devolva ao pobo da Coruña”, reflexionou. No medio da polémica, os Franco defenderon o seu dereito a vender.  

Lamentando que os trámites non estiveran resoltos xa por Concello e Xunta de Galiza, Vales confirmou que van a manter a súa posición “ríxida e inflexíbel de defensa”. Pronto haberá unha reunión para decidir que pasos han seguir, posto que tiñan previsto algo máis lúdico como a interpretación da sorte de ópera bufa de hai dous anos.

"Exclusiva propiedade"

Curiosamente, en contra do que se fixera co pazo de Meirás, que só saíra promocionado na páxina web da inmobiliaria Mikeli, a nova empresa pola que apostou a familia do ditador Francisco Franco subiu á plataforma Fotocasa.es a oferta.

No anuncio non sae un prezo e tampouco o aclararon os responsables da firma a solicitude de Nós Diario, pero si se fala dunha “exclusiva propiedade de 1900, reformada en 1964” e tamén en 2018. Nese último ano deuse unha reforma do tellado, e outras zonas, que espertou a intriga dos veciños por si había unha mudanza ou unha saída ao mercado próxima.

O edificio ten unha planta baixa-rasante, outra planta baixa e dúas alturas completas. Nelas hai espazo para 13 aseos e 11 cuartos. Ten garaxe para dous coches e un almacén. A vivenda ten fachadas a tres rúas perto da praza de Azcárraga, no centro do barrio antigo coruñés.

A inmobiliaria destaca que a propiedade conta cun montacargas, unha biblioteca construída con “madeiras nobres”, teitos altos e “abovedados” e “antigas dependencias do servizo”. A que describe como "propiedade única no centro da Coruña" no seu portal dixital propio tamén dispón dunha “ampla terraza cuberta e acristalada con lavadoiro e outra con vistas á cidade”.

Comentarios