A Plataforma de apoio á querela contra os crimes do franquismo nace na Federación de Sociedades Galegas

Chabacuco 955. Federación de Asociacións Galegas. 3 de setembro. A constitución da Plataforma Arxentina de Apoio á Querela contra os crimes do franquismo encheu o centro que garda a memoria de Castelao, Seoane, Suárez Picallo, Lorenzo Varela, Ramón de Valenzuela ou Arturo Cuadrado entre outras moitas vítimas da represión do franquismo. O Congreso arxentino mostrou o seu apoio á investigación. 

A sede da Federación de Asociacións Galegas encheuse na convocatoria para a constitución da Plataforma Arxentina de Apoio á Querela contra os crimes do franquismo e, na súa constitución, entre outros, estaba o galego Darío Rivas, fillo do alcalde represaliado de Castro de Rei que con 93 anos continúa na busca da xustiza das vítimas da represión. 

Na xuntanza aprobouse un manifesto no que as persoas asinantes manifestan o seu apoio e solidariedade coa cidadanía e asociacións que buscan a verdade, a xustiza e a reparación contra “a impunidade do réxime que a través de máis de corenta anos pretendeu manter amordazada a conciencia do seu pobo”. 
Comprométense a difundir os obxectivos da Querela e promover actividades para os facer públicos ademais de manifestar a vontade de “impulsar a verdade, a xustiza e a reparación para os milleiros de arxentinos e arxentinas que dunha maneira ou outra sufriron a ditadura franquista, combatendo nas brigadas internacionais ou sendo vítimas do exilio forzado polas persecucións franquistas”. 

O Congreso arxentino apoia a investigación

A xuntanza prodúcese poucos días despois de que o Congreso arxentino veña de apoiar a investigación dos crimes franquistas. O presidente do Congreso arxentino cando outros nove deputados asinaron un documento no que mostran o seu apoio á querela que se desenvolve nun xulgado de Bos Aires. 

A Cámara de Deputados da Nación de Arxentina mostra así o seu rexeitamento dos crimes franquistas a través dun documento no que se critica a posición da xustiza española. Contra iso, o congreso dá o seu visto bo á investigación sobre os crimes franquistas por medio dun escrito asinado polo propio presidente da Cámara, Julián Domínguez ademais do presidente da Comisión de Dereitos Humanos, Remo Carlotto. A querela presentada o 14 de abril de 2010 pola Coordinadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina que agrupa a máis de cen asociacións recibe así un dobre respaldo nun dos principais países do exilio por medio do Congreso e da constitución da Plataforma de apoio Arxentina. 

Comentarios