O alcalde Peñamaría de Llano lideraba a represión no Barco

Logo de doce anos da promulgación da Lei de Memoria Histórica, os quinteiros de moitas vilas e cidades galegas seguen a homenaxear moitos afíns á ditadura. Na localidade do Barco dixeron basta e veñen de aprobar no pleno e por unanimidade unha moción na que informan o Concello da Coruña de que teñen unha rúa dedicada a Serxio Peñamaría de Llano, rexedor durante o franquismo que chegou a disparar “tiros de graza” na comarca de Valdeorras. Eis un estrato da peza publicada no número 368 do semanario en papel Sermos Galiza.
F9_P8_Sociedade

O Ventorrillo é un populoso barrio obreiro da Coruña que foi creado na segunda metade do século XX para dar acubillo á marea migratoria que protagonizou o éxodo rural. Cos anos, tanto a paisaxe urbana como a paisanaxe foron mudando, mostrando agora unha nova faciana marcada pola construción en altura, a falta de prazas de aparcadoiro e a multiculturalidade. O que non mudou foi o rueiro, que segue a presentar unha mestura de nomes onde abundan fundamentalmente os mosteiros (como os de Caaveiro, Toxosoutos, Monfero ou Sobrado) e os alcaldes franquistas (desde Jaime Hervada até Salorio Suárez, pasando por Peñamaría de Llano).

A placa deste último leva anos sendo especialmente denunciada polas asociacións que traballan a prol da recuperación da Memoria Histórica, que agora veñen de atopar un aliado no Concello do Barco. Con votos a favor de todas as forzas políticas, incluído o Partido Popular, aprobouse no pleno municipal unha moción para informar o Concello da Coruña sobre as actuacións do “tenente da Lexión Serxio Peñamaría de Llano” na comarca de Valdeorras.

Tiros na caluga

Na devandita moción –presentada e defendida polo concelleiro nacionalista Suso Vilasánchez– explícase grazas ao traballo de historiadores, documentos e testemuñas como o alcalde da Coruña entre 1959 e 1963 fora dúas décadas antes tenente do I Terzo da III bandeira da Lexión destacada en Viloira, a unidade encargada da represión na comarca de Valdeorras. Xa rematada a guerra civil española, o tenente Peñamaría de Llano “participou directamente na execución de Domingo Rodríguez e Amalia López”, dous veciños da aldea de Soulecín aos que “deu o tiro de graza”. Asemade, logo de asasinalos, el e os seus homes “colleron as cousas de valor da casa e da corte, as vacas, os porcos e as galiñas que tiña a familia e, en carros, levárono todo”. Tan só un día despois do suceso, o 19 de outubro de 1939, levou a cabo o “asasinato de Adoración Fernández Cardóniga e a súa filla Remedios pendurándoas dunha árbore, así como a queima da súa vivenda, obrigando os veciños a contemplar o crime”.

Como tenente do I Terzo da Lexión, Peñamaría de Llano “asasinou” unha nai e maila súa filla pendurándoas dunha árbore

Memoria selectiva

m9_P8_Sociedade

Todos eses feitos permanecen ocultos nas biografías e novas referenciais ao ex alcalde, até o punto que googleando o seu nome, o segundo resultado que ofrece o buscador é un obituario escrito polo seu xenro, antigo xefe do Servizo Municipal de Educación do Concello da Coruña, e publicado en La Voz de Galicia co gallo do seu pasamento a finais do ano 2004 co título Sergio Peñamaría de Llano: un hombre bueno. Enterrado con homenaxe solemne da Policía Local e a Garda de Honra nun acto organizado sendo alcalde Francisco Vázquez, da súa figura adóitase lembrar a autoría do slogan “La Coruña, ciudad donde nadie es forastero”, a instalación da Coca‑cola, a construción da fonte de Catro Camiños ou a inauguración de Alvedro, pero non a súa outra cara. A moción aprobada no pleno muncipal do Barco de Valdeorras revela ese lado escuro, que inclúe a súa “participación como fiscal militar en Consellos de Guerra Sumarísimos”, con solicitudes “inxustificábeis” de penas de morte, como o de 31 de xullo de 1947, con tres penas capitais e condenas de un a 30 anos para 47 procesados.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 368 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios