'As guerrillas galegas ao descuberto'

Afonso Eiré: “O Piloto non quería marchar porque consideraba preciso seguir defendendo os demócratas”

Afonso Eiré López (Chantada,1955) é xornalista e escritor. Director durante máis de 30 anos do semanario A Nosa Terra e autor de máis de 20 libros, publicou en 2015 “O Piloto”,o último Guerrilleiro. O 12 de novembro achega en Nos Diario un novo traballo sobre este loitar antifascista.
Afonso Eiré
photo_camera Afonso Eiré. Foto: Nós Diario

Antes de incorporarse á guerrilla “O Piloto” xa atesouraba unha militancia política de anos e unha experiencia como soldado do exército popular, que significaría deste período da súa vida? 

Por un unha banda, Xosé Castro Veiga, tiña unha boa preparación militar. Apuntárase voluntario con 16 anos na aviación. Quería ser piloto, de aí o seu alcume. Non o deu conseguido. Non era doado para o fillo duns caseiros, aínda que o amo fose o xeneral Tella.

Como era un rapaz moi mañoso, chegou a mecánico de avións e a cabo primeiro, que xa non era pouco. E foi no aeródromo de Cuatro Vientos onde comezou a coller conciencia política e formación ideolóxica. Durante os tres anos de guerra, os cursos de especialización en mecánica e os de cabo e cabo primeiro, aportáronlle unha bagaxe non só técnica, senón tamén cultural.

No 1938 xa colaboraba na confección de panfletos para levantarlle a moral á tropa. Traballo que acrecenta logo de caer Cuatro Vientos en mans inimigas. Trasládano primeiramente a Barajas e, logo a Madrid capital. Serve no edificio de Nuevos Ministerios, último reduto do PCE en Madrid, no recentemente constituído Consello de Defensa, onde os comunistas de Madrid comezan a prepararse antes os rumores dunha posíbel traizón dos comandantes do Exercito Popular.

No mediodía do 28 de marzo de 1939, o exercito franquista entra en Madrid e ocupa os edificios gobernamentais sen resistencia. Xosé Castro Veiga confínano nun campo de concentración. O xeneral Heli Rolando de Tella é nomeado gobernador militar de Lugo, instalándose coa súa familia en Adai, O Corgo, nos bens que traballan os pais do Piloto.

Comezaron a funcionar os consellos sumarísimos en Madrid sentenciando a entre 200 e 300 presos por día. O 25% eran penas de morte. Xosé Castro Veiga tivo sorte. Só lle impuxeron 30 anos de cadea. A súa cartilla facía constar que entrara como soldado voluntario, pero salvouno da cadea perpetua ou da pena de morte, o seu ingreso no exercito antes de producirse o golpe de Estado.

Xa no cárcere de Carabanchel, acrecenta a súa formación política. Cando sae indultado ven vivir a casa dos seus pais a Boelle.

Foron os falanxistas da zona e, logo, a Garda Civil, nos seus escritos os que oficializaron o nome de “O Piloto”.

Cando saíu da cadea de Carabanchel, logo de catro anos, Xosé Castro Veiga só era, oficialmente un vencido, un preso, un traidor que, coma todos, non pagaría nunca ao xeito o que fixera, pero tamén era un militante activo. Ante o acoso marcha de novo, xa fuxido a Madrid. De alí, ao ser descuberto, o PCE volve envíalo a Galiza para organizar a guerrilla na zona centro de Lugo.

Moitas veces quérese trasladar a idea de que foi un guerrilleiro solitario porén arredor del en diversos momentos movéronse un número importante de fuxidos, que destacaría deses resistentes que acompañaron ao “Piloto”?

“O Piloto” non encaixa nin no que quere transmitir o PCE e, menos aínda, no que difundiron sobre Galiza. O de solitario e outras trangalladas descualificadoras, espallounas a dirección do PCE cando se negou non só entregar as armas como lle pedían, senón que reunificou a guerrilla e continuo operando case 20 anos levándolles a contraria no do grupo armado, pero seguindo as directrices do PCE en todos os demais temas. A súa presenza e a do Exercito Guerrilleiro de Liberación Nacional (EGLN), significaba unha emenda a totalidade á política do PCE, que aínda hoxe non pediu perdón nin realizou autocrítica polo que perpetrou contra moitos guerrilleiros que non querían seguir o seu ditado, chegando a ordenar a súa execución.

A II Agrupación sostivo a cultura da Federación, que disolveu o PCE. Conta cunha ampla base social, desenvolvese nas aldeas e vilas, non no monte, e as iniciativas non parten só dos grupos armados, senón tamén dos enlaces e persoas de apoio.

O xeito de actuar da guerrilla, para ser efectiva, debe de adaptarse ás circunstancias e as necesidades. Non podía ser o mesmo cando lle viraron as costas a España os Aliados, ca antes, por exemplo. Tampouco non podía ser o mesmo cando tes 100 efectivos e varias Agrupacións e conexións con outras zonas que se te deixaron, dalgún xeito, illado.

Eu coñecín a máis de 200 persoas que seguiron colaborando co Piloto logo de que o PCE xa lle puxese a cruz de renegado e non lle publicase ou censurase os comunicados na Radio Perinaica.

Todas estas persoas, poden dicilo, recibiron instrución ideolóxica e, aínda, o carné do Partido. Esa era unha teima do Piloto, pero tamén de Mirelle.

"Eu coñecín máis de 200 persoas que seguiron colaborando co Piloto logo de que o PCE xa lle puxese a cruz de renegado"

Cales foron os motivos que levaron ao “Piloto” a manterse na loita guerrilleira unha vez que o PCE renunciou a mesma e cal foi a súa actividade ao longo da década dos 50 e 60?

Segundo me contou Mirelle, Xosé non quería marchar porque teimaba que era preciso seguir defendendo á xente que colaboraba coa guerrilla e aos demócratas. El afirmaba que, se desaparecían os grupos armados, os falanxistas acentuarían a represión de xeito significativo. Hai que ter en conta a represión que se desatou por esa zona nos anos cincuenta foi especialmente cruenta, como ben relata Xavier Quiroga nas súas novelas. “O Piloto” afirmaba que, sen grupos armados de apoio era imposíbel facer política e, menos aínda, lanzar a folga xeral da que falaba e falaba Carrillo, pero nunca se atreveu logo a convocar.

Por outra banda, a construción dos encoros dos Peares e Belesar mudaban moito as causas obxectivas para poder facer unha labor política. Por unha parte concienciando a cidadanía e, pola outra, axudándolles a facerlle fronte a Fenosa. “O Piloto”, segundo as directrices da nova época do PCE realizou un grande traballo burocrático en defensa dos intereses dos ribeiraos.

Ademais, segundo outras testemuñas, o PCE nunca decidiu sacar de aquí ao “Piloto” e a outros guerrilleiros, só quería que deixasen as armas. Isto relátao moi ben “O Quico”.

Tamén hai que ter en conta que, á nova política do PCE amoláballe “O Piloto”, o mesmo que a moitos que o axudaran, sobre todo do PSOE, e que xa estaban noutra política de “concordia”. Afirman que os “comprometía”.

Falei con persoas que o presionaron para que abandonara as armas.

“Mirelle” era unha guerrilleira, unha guerrilleira máis, non só a compañeira do Piloto como queren presentala"

A actividade guerrilleira do Piloto non se explica sen a figura de Ramona Curto “Mirelle”, vostede que a coñeceu ben que nos pode dicir dela?

En primeiro lugar, quixera deixar claro que “Mirelle” era unha guerrilleira, unha guerrilleira máis, non só a compañeira do Piloto como queren presentala. Teño testemuñas que me contaron como nas prácticas de tiro e outras actividades era a mellor do grupo, mellor que o seu Xosé Luís.

Por iso non traballaba nas casas, como algúns enlaces lle achacaban: ela era guerrilleira e comportábase coma os homes, algo que moitas persoas, sobre todo do PCE, non entendían e usaron contra “O Piloto”.

Pero ademais, o ter unha compañeira organizada no mesmo grupo armado, dáballe a Xosé Luís unha estabilidade emocional e un xeito de vivir moi diferente ao dos “lobos solitarios” que nos pintan.

Mirelle, por outra banda, posuía unha boa preparación intelectual, e era a encargada de acentuar a cultura dos integrantes da guerrilla. Por todas as casas base polas que pasaron, non quedou ninguén sen aprender a ler e escribir. Tamén traballou esforzadamente no aparato de propaganda e de difusión das voandeiras que editaban.

"A rede de enlaces e apoios do "Piloto" permitiu manter viva a mobilización antifascista e a cultura democrática"

O Piloto foi quen de resistir tantos anos ao réxime por contar cunha base de apoio popular moi importante, como era esa rede de enlaces e que acontece cos mesmos unha vez que O Piloto é asasinado?

Esa rede de enlaces e apoios da que falas permitiu manter viva a mobilización antifascista e a cultura democrática. Temos que ter en conta que, nós anos sesenta, o Exercito Guerrilleiro de Liberación Nacional comandado por “O Piloto”, facía propaganda nas fábricas de Ferrol ou Vigo e na Universidade de Santiago.

Moitos deles seguían a ter contactos, sobre todo para axudarse a vivir pois a moitos non só se lles aplicou as penas xurídicas, senón tamén as penas dos telediarios, aínda que non os houbese daquelas. Foron sinalados polas autoridades e discriminados polos seus veciños máis ricos.

Unha das funcións que tivo o EGLN, co Piloto á fronte, nos seus últimos anos foi axudar a estas persoas, sobre todo as das familias que aínda estaban na cadea. A maioría dos golpes económicos eran para intimidar, pero tamén para conseguir cartos para esta rede de apoio.

Esa ampla base social, dalgún xeito, quedou activa e axudaban a aqueles rapaces estaban a montar estruturas na clandestinidade, á marxe do PCE.

Eu fun un deses mozos. Cando andaba facendo asembleas clandestinas das Comisións Labregas coa miña bicicleta, moitas veces aparecía alguén á noite para levarme á casa en coche. Eu pensaba que era casualidade.

Cando anos despois puiden falar co Xesús “O Leiteiro”, que foi o que me propiciou a entrevista con Mirelle, contoume que tiñan medo a que me pasase algo, por iso me gardaban. Quen informaban das miñas asembleas nos lugares aos que aparecían na miña procura era esa rede de contactos e non lles importaba nada que non fósemos do PCE, moi ao contrario. Teño moi presenta aquela conversa e “O Leiteiro” sempre falaba en plural.

Hai que ter en conta que, desde que mataron ao Piloto a que comezáramos a organizar á xente na zona de Chantada aínda non pasaran sete anos.

Comentarios