Peritos advirten do valor histórico dos bens de Meirás

A vista para determinar os bens que forman parte do Pazo de Meirás comezou esta quinta feira na Coruña. Nela participaron peritos da Administración e da familia Franco.
Vista que determinará os bens que forman parte do pazo de Meirás cos Avogados do Estado. (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Vista que determinará os bens que forman parte do pazo de Meirás cos Avogados do Estado. (Foto: M. Dylan / Europa Press).

A vista relativa ás cuestións incidentais propostas para determinar que bens forman parte do Pazo de Meirás comezou esta quinta feira no edificio da antiga Audiencia Provincial da Coruña.

Na dilixencia citouse á testemuña e peritos propostos pola familia Franco. Tamén ao perito do Concello de Sada e apuntouse que as demais partes queden encargadas da citación das testemuñas e peritos dos que tenten valerse.

Antes de comezar as declaracións de testemuñas e peritos, os Franco avanzaron que renunciaban a cinco bens, entre os que están a escultura de San Xosé, uns escudos e un monolito. Pola contra, teñen intención de quedar con patrimonio como as estatuas de Abraham e Isaac (atribuídas ao Mestre Mateo) e parte da biblioteca de Emilia Pardo Bazán.

Intervención de peritos 

En declaracións á prensa ás portas da antiga Audiencia, o alcalde de Sada, Benito Portela, trasladou que manteñen "moitas expectativas" sobre o resultado da vista e remitiuse ao informe pericial "moi preciso" que había presentar na vista para reclamar a titularidade pública dos bens. Deles, o Estado español reclamou 133 e até o momento eran 55 os que estaban en discusión coa familia Franco.

Na vista, peritos achegados polo Estado español e a Xunta coincidiron en que bens en disputa no pazo de Meirás, entre a administración estatal e as demais adheridas á súa demanda- pola que se logrou a titularidade pública do inmóbel- e os Franco, forman parte do "conxunto" e advertiron que retiralos supoñería romper "o propio sentido histórico" do inmóbel.

Pola contra, esta quinta feira un perito dos Franco rexeitou a posibilidade de que se produzan danos nas paredes de pedra ou outros elementos do pazo de Meirás se se retiran bens do mesmo, a preguntas da letrada da familia do ditador.

Comentarios