16-S, 81 aniversario do asasinato do mozo Pedro Galán Calvete

Só tiña 19 anos. O 16 de setembro de 1936 o corpo de Pedro Galán Calvete apareceu sen vida nunha gabia do lugar da Corveira  no Concello de Culleredo.

Pedro Galán
photo_camera Pedro Galán

Detido o 10 de setembro na rúa Bailen da Coruña, mentres paseaba coa súa parella e soñaba co inicio dos seus estudos de dereito que compatibilizaría co seu traballo no departamento de contabilidade da empresa de xabóns La Toja, Pedro Galán foi conducido ao cárcere da Coruña e posteriormente ao cuartel da policía de Orzán. As xestións familiares diante de Luís Tovar Filgueiras, xefe do estado maior da VIII rexión militar, non conseguiron a liberdade dun mozo que ao pouco do golpe de estado do 18 de xullo, renunciara a fuxir a América, tal como lle suxerira seu pai, camareiro naqueles barcos de pasaxe que cruzaban o Atlántico transportando emigrantes.

Naceu coas Irmandades da Fala. Sendo un neno, iniciou a súa educación nas “Escolas de Insiño Galego”, entidades promovidas pola Irmandade da Fala da Coruña co obxectivo de “redimir ao pobo galego da ignorancia na que está sumido” e inculcar nas xeracións futuras a verdadeira conciencia galega. Alí foi o primeiro da clase, o discípulo predilecto do seu responsábel Ánxel Casal, co que partillaría sino e militancia, o alumno máis caro de María Miramontes e compañeiro de xogos e pupitre daqueloutros mártires de Galiza. Un a un, Xenaro Ruano, dramaturgo, topógrafo e derradeiro secretario da Irmandade da Fala, tamén Leandro Carré “Fausto Brand” nacionalista e libertario da cerna da Cova Céltiga, e sempre Carlos Álvarez Fontenla, o secretario de organización do Partido Galeguista condenado a morte pola súa participación na fuga do Portiño.

Viviu para a loita. Como só poden vivir os corazóns mozos e xenerosos sempre dispostos a dar as grandes guerras que rematan por decidir a batalla final

Viviu para a loita. Como só poden vivir os corazóns mozos e xenerosos sempre dispostos a dar as grandes guerras que rematan por decidir a batalla final. Fundador en Outubro de 1933 da “Mocedade Galeguista” da Coruña”, aquela “centuria de marxistas, troskistas e libertarios unidos unicamente por un nacionalismo a ultranza” en palabras do seu presidente Jenaro Marinhas. Secretario de organización e asinante do seu primeiro manifesto “eiquí os mozos consentes da Coruña, seguindo o vieiro doutras mocidades galegas, xunguímonos nas Mocidades Galeguistas dispostos a loitar pola liberdade da Nai-Terra”. Asistente á asemblea fundacional da Federación de Mocedades Galeguistas celebrada en Ourense en xaneiro de 1934, fai parte do seu Consello Nacional como representante da Coruña, defendendo dentro do mesmo unha liña de fidelidade á política do partido. Á volta de 1936, no marco dunha renovación profunda na dirección do nacionalismo na cidade, pasa a ocupar responsabilidades no consello local do partido, ao tempo que actúa como impulsor central da súa sección xuvenil.

Sempre acción. A súa palabra ficou ligada para sempre ás grandes xeiras de axitación do nacionalismo na comarca da Coruña, comezando co seu o primeiro acto en Mera no Concello de Oleiros o 3 de Xuño de 1933 canda Xenaro Ruano, Plácido Castro, Ramón Suárez Picallo e Antón Vilar Ponte, seguindo polos actos de converxencia antifascista xunto a Uxío Carré, Xosé Vilaverde ou Xavier Pose e continuando parroquia a parroquia e bairro a bairro nun tempo no que o mitin era o eixo central da propaganda só reservado aos mellores cadros. A súa pluma testemuñounos as preocupacións políticas, pero tamén a formación e madurez analítica naquelas análises ben fiadas nas paxinas da Nosa Terra, for en solidariedade coa Catalunya que viña de ver como o presidente Companys era encarcerado sexa en protesta contra a concepción de España da reacción. A súa man está tamén tras o día a día dos mozos nacionalistas da Coruña, homenaxeando os mártires de Carral, lembrando a figura de Pardo de Cela, naquela palestra partillada con Antón Vilar Ponte, ou canda o bo de Ruano xestionando locais e permisos para o axir diario.

E falamos de Pedro Galán Calvete, nado na Coruña un 18 de Xullo de 1917, o fillo de Pedro e de Carme, o irmán de Xaime, Fernando e Carme, o compañeiro de Chiruca, o “irmán pequeno ao que lle perdoamos as travesuras”, o “mozo nervoso, intelixente e entusiasta”, o galego enteiro da Torre. E lembramos agora a Galan na Coruña, na Coruña galega que o recorda no seu centenario, e tomamos prestado o seu exemplo, do que deu todo por Galiza, mesmo a vida, e collemos tamén a súa obra, peón e albanel dunha patria por liberar, operario dunha clase por facer. E lemos a Galán, deixouno dito, en carta a Bieito o da Fouce, “como galego son nacionalista, como home son marxista, para que me entendas son un separatista” e aquí o deixamos, para que fique.

[NOTA: o BNG ten convocado este sábado un acto de tributo á memoria de Pedro Galán Calvete. Decorrerá no cemiterio coruñés de Santo Amaro ás 12 horas e nel tomarán parte Pedro Galán Horro, Francisco Rodríguez, Pilar Pallarés e Ana Pontón]

Comentarios