Pedro Campos Couceiro, o 'Maciá' galego

Fanse 90 anos da proclamación do Estado galego en Compostela
Pedro Campos Couceiro.
photo_camera Pedro Campos Couceiro.

Cando se proclama o Estado galego en Santiago de Compostela o 27 de xuño de 1931 hai unha serie de figuras moi coñecidas que son citadas como protagonistas como é o caso de Antonio Alonso Ríos, quen é nomeado presidente da Xunta Revolucionaria, ou pouco coñecidos como é Carnero Valenzuela, quen se presentaría tamén en xullo do 36 para pórse a carón de Anxel Casal a defender a liberdade fronte aos golpistas. Mais tamén se adoita a nomear a Pedro Campos Couceiro que si se merece maior atención nos estudos daqueles acontecementos porque foi dos enviados pola emigración galega para que os representara na conformación da nova república constituínte xunto con Alonso Ríos e Suárez Picallo. Ao mesmo tempo recoñécese pouco que sabemos del para a importancia que tivo, non só nestes feitos senón no activismo cultural e político nacionalista da emigración.

Os cadros medios, como é o seu caso e doutros moitos tamén insuficientemente estudados, son os que explican a viabilidade e o sostemento mesmo o éxito e transcendencia dos que serán os grandes nomes que até nós chegaron encarnando o ideario do dereito a existir dos galegos. Castelao non sería o que hoxe é, e o que aínda lle queda por ser nun futuro, sen o que se lle permitiu ser, e o legado que se logrou salvar del logo da súa morte, grazas a intervención colectiva de moitos compatriotas da emigración e do exilio que, xa moito antes da súa chegada a terras arxentinas, tiñan creado as estruturas, as canles de comunicación, as institucións e a conciencia nacional que darían soporte ao presidente dun país sen Estado, que foi o papel que lle tocou desempeñar ao autor do "Sempre en Galiza".

Un nacionalista galego na emigración arxentina

Pedro Campos Couceiro é un deses moitos esquecidos que algún día terán que ser recordado para entender como funcionan as cousas, como o movemento político non nace da nada nin se desenvolven no baleiro. Mais tamén até que punto unha vida entregada a unha causa como é a da liberdade do país non foi unha vida perdida nin infrutuosa polo feito de non ter recibido o debido recoñecemento en vida e mesmo logo da súa morte. De feito temos noticia no 1959 por A Nosa Terra do exilio que a Irmandade Galega vía necesario organizarlle unha homenaxe póstuma "o que fora un grande loitador da causa da liberdade da Terra". Mais o caso é que hoxe na Arxentina, na Galiza e nin sequera no seu Forcarei natal ninguén sabe quen foi este persoeiro que desde a Alameda de Compostela se dirixiu ás masas para proclamar que o Goberno español "sempre nos aferrollou baixo todas as formas de goberno" e que o único xeito de resolver os nosos problemas é ter república propia.

Pedro Campos Couceiro cumpriría 150 anos. Naceu na parroquia de Meavía preto de onde nace o río Umia, no Concello de Forcarei, e con tan só 16 anos emigrou para a provincia Arxentina de San Juán onde casou e tivo doce fillos. No 1921, xa viúvo instálase en Buenos Aires onde participa na creación da sociedade de emigrantes de Forcarei que entre outros tiña como fin a creación de cscolas no seu concello, como é o caso da que promove en Quintillán (co nome “Rosalía de Castro”), e tiran o xornal co nome Umia y Lérez.

Moi pronto se decatan de que o apoliticismo e o localismo son un atranco do movemento societario da emigración para combater eficazmente a marxinación do país e o caciquismo. Nese sentido o que será o seu correlixionario até a morte, Antón Alonso Ríos e outros dirixentes politizados tentan promoven a fundación da Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturais (FSG) para sumar as entidades locais nesta liña de actuación. Pedro Campos e o seu irmán apostarán por esta plataforma ocupando cargos dirixentes nela e tentando darlle unha orientación conforme coas súas conviccións (eran afiliados a Sociedade Nacionalista Pondal).

'Loitar pola independencia da nación galega'

Así é que diante da inminente caída do réxime monárquico español tenta promover unha mudanza de Estatutos na FSG que recolle nun artigo na Fouce co explícito título "Loitar pola independencia da nación galega". Nel dise "no próximo Congreso debemos restablecer o día de Pardo de Cela como data nacional de Galiza, coa obriga de conmemoralo cada ano na mellor forma posible. Debe establecerse unha comisión especial encargada de formular reclamos e protestas aos poderes públicos de Hespaña, por canto asunto teña relación ou interese coa nación galega; debe recomendarse a toda persoa nata en Galiza o uso do noso idioma en todos os casos que lle se posíbel..." e en definitiva, que FSG "loitará sin descanso por todos os medios ao seu alcance para conseguir a independencia da nación galega libre de todo poder estraño, formando despois libre e espontaneamente, parte da Confederación Ibérica se así convén a cantas nacionalidades forman a península, nunca forza e escravizada, como actualmente e des fai catro séculos e medio, sucede".

O caso é que a FSG tiña as súas propias diferenzas a este respecto. Dentro dunhas coordenadas de esquerda e mesmo socialistas hai unha continua disputa entre sectores pola cuestión nacional. De feito cando se produce o proceso constituínte colaborase inicialmente coa ORGA. Aínda así a quen se envía a Galiza como seu representante, como queda dito, é entre outros a Pedro Campos Couceiro; quen aproveitará a súa volta logo do 31 para denunciar a traizón ao país de Casares Quiroga e a necesidade de distanciarse desta organización e apoiar ao Partido Galeguista.

É preciso saber máis e coñecer o labor teórico e práctico deste axitador leal ao país que xa finalmente como membro do Consello de Galiza e da Irmandade Galega mantivo até o final o seu compromiso coa  Terra. Sirva este 90 aniversario daquel serán en Compostela en que na súa Alameda Pedro Campos Couceiro chamou a declarar a República Galega para lembralo e reclamar o seu merecido recoñecemento pola súa achega a ser o que hoxe somos.

Comentarios