A pedra do destino e a súa vinculación coa Galiza

De acordo coas lendas célticas escocesas a Pedra do Destino é a pedra bíblica que no Libro do 'Xénese' do Vello Testamento, Jacob, un dos tres patriarcas do Xudaísmo e o Cristianismo xunto co seu pai Isaac e o seu avó Abraham, usou de almofada a pedra cando estaba a durmir e viu a coñecida visión da escaleira pola que subían e baixaban anxos ao ceo e que ficou coñecida como a escaleira de Jacob.
A Pedra escocesa do Destino, símbolo nacional escocés (Foto: Gunther Tschuch).
photo_camera A Pedra escocesa do Destino, símbolo nacional escocés (Foto: Gunther Tschuch).

O pasado dia 6 de Maio foi coroado na Abadía de Wetsminster, Londres, o fillo e herdeiro de Isabel II, sendo o seu título oficial o de Rei Carlos III do Reino Unido da Gran Bretaña e Irlanda do Norte ainda que popularmente sexa mais coñecido como Rei de Inglaterra.

En todo ese acto de coroación hai un feito que non debería ter pasado desapercibido para os galegos por que un dos elementos simbólicos mais relevantes de dita coroación ten moito a ver co noso país. Trátase da denominada Pedra do Destino ou de Scone (Stone of Scone) ou da Coroación que serviu como Pedra de entronación dos Reis escoceses desde tempos inmemoriais até que en 1296 Eduardo I a capturara e levara para a Abadía de Westminster onde serviu de pedra de entronación dos Reis de Inglaterra para escarnio dos escoceses. Finalmente a Pedra foi devolta ao Parlamento Escocés (aínda que está habitualmente exposta no Castelo de Edimburgo) en 1996 como unha das medidas adoptadas por John Major orientadas a reforzar a autonomía de Escocia e rebaixar os seu anceios de independencia.

De acordo coas lendas célticas escocesas a Pedra do Destino é a pedra bíblica que no Libro do Xénese do Vello Testamento, Jacob, un dos tres patriarcas do Xudaísmo e o Cristianismo xunto co seu pai Isaac e o seu avó Abraham, usou de almofada a pedra cando estaba a durmir e viu a coñecida visión da escaleira pola que subían e baixaban anxos ao ceo e que ficou coñecida como a escaleira de Jacob.

Este patriarca, aparentemente nacido uns 1800 anos antes de Cristo, é tamén coñecido por ser o fundador das doce tribos de Israel por medio dos seus doce fillos e tamén o predecesor de Cristo que nacería 40 xeracións mais tarde a través de outro Jacob que sería pai de Xosé de Nazareth casado con María (nalgúns traballos sobre a devandita Pedra tense confundido o Jacob do Vello Testamento co Jacob ou Jacobus ou Santiago O Maior apóstolo de Xesús). Desde Terra Santa, a Pedra viaxou a Exipto, e despois de alí viaxou polo Mediterráneo chegando á Península Ibérica.

De modo xenérico o que se reproduce na bibliografía en inglés sobre esta pedra, incluídas multitude de entradas en Internet, é que desde Exipto chegou polo Mediterráneo (nalgúns casos cítase o seu paso por Sicilia) a “España”, así sen precisar nada mais sobre que zona concreta de Spain, indo desde alí a Irlanda e finalmente a Escocia.

Mais, en realidade, toda esa información procede das lendas escocesas que precisan moito mais e falan de que a célebre pedra se utilizou por primeira vez como pedra de entronación, ao menos en Europa, aquí na Galiza, en concreto cos reis ou notábeis de Brigantium (que estes autores ingleses identifican con Compostela e non con Betanzos ou A Coruña que sería o mais acaído).

De acordo con William Skene na súa obra The Coronation Stone publicada en 1869, o texto interpretativo das lendas escocesas referidas á devandita Pedra que mais pegada deixou sobre o imaxinario escocés, foi a obra escrita en Latín en 1527 por Hector Boece e traducida ao inglés por John Bellende catro anos mais tarde.

Nela relátase esencialmente o seguinte sobre a Pedra do Destino: “Gathelus, un grego, fillo do ateniense Cecrops, foi a Exipto na época do Éxodo onde casou con Scota, a filla do Faraón, e despois da destrución do exército exipcio no Mar Vermello, fuxiu con ela polo Mediterráneo até chegar a “Portingall” onde desembarcou, e fundou un reino en Brigantium, agora Compostella. Aquí reinou na cadeira de mármore (sic) e, onde quixer que se atopara a pedra, presaxiábase o reino dos Scots”.

Máis tarde Simon Breck, un descendente de Gathelus levou a cadeira de “España” a Irlanda e foi coroado nela como Rei de Irlanda. Posteriormente Fergus, fillo de Ferchard trouxo a Pedra de Irlanda a Argyll sendo coroado nela como o primeiro Rei dos Scots en Escocia, país ao que lle deron o nome actual despois de derrotaren ao Pictos.

Hai que ter en conta que todo esta lenda esta directísimamente emparentada coa historia tamén lendaria que aparece reflectida no Libro das Invasións  (Lebor Gabále Érenn) do medievo irlandés incluído no Libro de Leinster (Lebor Laignech) conservado no Trinity College de Dublín e exposto uns meses na Cidade da Cultura de Compostela en 2019.

Nese libro os propios irlandeses afirman que a súa illa fora colonizada polos Milesios (Milesians), descendentes de Breogán e procedentes da cidade galega de Brigantium ou Brigantia. Ademais diso, como acontece con moitas outras lendas contadas desde tempos inmemoriais, esa relación histórica está hoxe apoiada polos estudos xenéticos de Koch & Cunlife nos que o ADN proba que as poboacións británicas, ao menos as occidentais, están moi emparentadas coas da Península Ibérica tendo sido, con toda probabilidade, moi frecuente o intercambio poboacional entre estes territorios ao longo do tempo.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios