O pazo de Meirás e os restos do franquismo

Despois de corenta anos da morte do ditador, aínda quedan moitos restos do franquismo como o Pazo de Meirás. Moita xente pensaba, antes de que a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) fixese varias campañas informativas e reivindicativas, que o pazo de Meirás era un “regaliño” que o pobo galego fixo a Franco.

Pazo de Meirás

Hoxe cambiaron as cousas e é de coñecemento público a historia real.

UN ROUBO CONTINUADO

Para adquirir este pazo aos herdeiros da Condesa de Pardo Bazán formouse a Junta Provincial Pro Pazo del Caudillo promovida por significados empresarios e personalidades do franquismo que utilizaron todo tipo de ameazas e coaccións para descontar obrigatoriamente ás e aos traballadoras/es e empregadas/os públicos unha parte da súa nómina mensal. Outro dos sistemas para recadar diñeiro foron as achegas directas dos concellos do 5% do que ingresaban polo cobro da contribución. Por outra banda, os concellos recibiron unha carta da citada Junta Provincial para proceder á recadación, confeccionando lista das persoas e as cantidades que entregaban. Así fixeron en Carral en maio de 1938 e o alcalde Laureano Núñez Rivas convocaba o Xefe Local de Falanxe, mestras e mestres do concello e seis párrocos para crear comisións que visitaban, casa por casa, os veciños das oito parroquias. A recadación a través deste “imposto revolucionario” (os fascistas adiantáronse 50 anos aos métodos coactivos utilizados despois por ETA) foi un éxito e 819 familias tiveron que pagar 4.385 pesetas para que “el invicto Caudillo Franco venga a descansar en la tierra que le vió nacer”.

A recadación a través deste “imposto revolucionario” (os fascistas adiantáronse 50 anos aos métodos coactivos utilizados despois por ETA) foi un éxito e 819 familias tiveron que pagar 4.385 pesetas 

O roubo continuou e a extensión do pazo foi ampliada até 10 hectáreas a través da expropiacións sen ningunha garantía legal e utilizando todo tipo de ameazas e coaccións sobre as familias propietarias, que eran levadas ante notario en vehículos militares para asinar o cambio de propiedade. Por outra banda, desapareceron moitos obxectos que había no pazo cando se mercou en 1938, queimáronse libros da biblioteca de Pardo Bazán e durante anos realizouse un auténtico espolio de patrimonio público, levándose ao pazo numerosos obxectos do pazo de Bendaña no concello de Dodro; unha pía bautismal do mosteiro de Moraime de Muxía, escultura do Pórtico da Gloria da catedral de Santiago etc.

UNHA VERGOÑA DE ESTADO

A “batalla de Meirás” aínda non rematou. Que este pazo continúe aínda en mans da familia do ditador Franco é unha vergoña de Estado e un caso único nos países democráticos europeos. Sería impensábel que en Ale- maña ou Italia, despois de conquistar a democracia pola derrota do nazismo e fascismo, as familias de Hitler ou Mussolini continuasen desfrutando das propiedades conseguidas no exercicio do seu cargo.

Podemos considerar que todo isto é un dos efectos colaterais da chamada Transición á democracia onde criminais e torturadores continuaron facendo carreira; os mesmos xuíces que asinaban penas de morte contra demócratas ou traballaban na represión do pobo desde o Tribunal de Orde Pública (TOP), continuaron nos seus postos; Manuel Fraga (ministro de Franco, que sempre manifestou o seu orgullo como servidor do Estado fascista) foi un dos redactores da actual Constitución.

Os sucesivos gobernos despois da morte de Franco (UCD, PSOE, PP) non tomaron ningunha medida para acabar con esta vergoñenta situación

Os sucesivos gobernos despois da morte de Franco (UCD, PSOE, PP) non tomaron ningunha medida para acabar con esta vergoñenta situación. A familia Franco foi premiada con todo tipo de privilexios e distincións e puído seguir aumentando a súa fortuna, que pode superar hoxe os 600 millóns de euros. A viúva do ditador, Carmen Polo, recibía unha pensión anual de 12,5 millóns de pesetas, cando o Presidente do Goberno cobraba 8 millóns. As distintas administracións facilitaron todo tipo de operacións especulativas como na finca de Valdefuentes na comunidade de Madrid, que foi mercada por Franco en 1950 por 2,5 millóns de pesetas; en 2002 tiña unha valoración de 1,6 millón de euros, pero despois da recualificación dunha parte dos terreos, os activos da Sociedade Valdefuentes chegaron a valorarse en 20 millóns de euros.

Juan Carlos xuraba fidelidade a Franco e aos principios do Movemento Nacional o 23 de xullo de 1969 e lexitimaba o levantamento fascista de 18 de xullo de 1936: “Recibo de Su Excelencia el Jefe del Estado y Generalísimo Franco, la legitimidad política surgida del 18 de julio de 1936, en medio de tantos sacrificios, de tantos sufrimientos, tristes, pero necesarios, para que nuestra patria encauzase de nuevo su destino”. Despois da súa proclamación como sucesor do ditador, manifestaba: “Para mí, es un ejemplo vivo, por su dedicación patriótica diaria al servicio de España. Le tengo un gran afecto y una gran admiración”.

O rei Juan Carlos concedía a Carmen Franco Polo, filla do ditador, o Ducado de Franco, con Grandeza de España, o 26 e novembro de 1975, seis días despois da morte do ditador. Ese mesmo día concedía o Señorío de Meirás a Carmen Polo, título nobiliario que hoxe ostenta Francisco Franco Martínez Bordiu, neto do ditador. Non esquezamos que Juan Carlos definía Franco como unha “figura excepcional” e no seu discurso cando é proclamado rei de España o 22 de novembro de 1975 manifestaba: “España nunca podrá olvidar a quien como soldado y estadista ha consagrado toda la existencia a su servicio”. O rei Juan Carlos nunca condenou a ditadura franquista, caso único en Europa dun xefe de Estado. Se Juan Carlos foi nomeado por Franco como o seu sucesor, se consideraba o ditador como un patriota, digno de admiración, isto explica que nin UCD, nin PSOE, nin PP fixesen nada contra os desexos do Rei, que quería protexer a familia Franco.

Os tempos son chegados para devolver ao pobo o que é do pobo. Os partidos que se consideren democráticos deberían denunciar ante os xulgados os roubos continuados da familia Franco, entre eles o pazo de Meirás, e incluír nos seus programas electorais o compromiso de tomar medidas para a recuperación do pazo para o patrimonio público.

Este artigo apareceu no número 127 do caderno de análise A Fondo, inserido no Sermos Galiza175, e viu a luz a 10 de decembro de 2015.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios