Os Nomes do Terror

Paz Antón: "O papel do bispo de Tui en 1936 foi nefasto"

Xosé Ramón Paz Antón (O Porriño, 1957), músico, pintor, escritor e investigador leva moitos anos recuperando a memoria do período republicano e da represión franquista  na Louriña. A cuarta feira pública en 'Os nomes do terror' de Nós Diario un artigo sobre os vitimarios nesa comarca

Paz Antón
photo_camera Paz Antón.

Ten documentado 135 vítimas mortais para os concellos de Mos, O Porriño e Salceda de Caselas como consecuencia da represión que seguiu ao golpe de Estado de xullo de 1936, que  aspectos destacaría da mesma?

En primeiro lugar a cantidade de vítimas é moi alta se a comparamos con outros territorios e máis tendo en conta que Mos e Salceda eran daquela concellos rurais sen un centro urbano destacábel e con feble implantación de organizacións esquerdistas. O caso do Porriño é diferente, alí creouse a Federación de Traballadores en 1898 -unhas das pioneiras de Galiza- e chegou a crearse un Centro Cultural de inspiración libertaria no período republicano. A dureza da primeira represión explícase en grande medida pola participación de moitos veciños e veciñas do val da Louriña nas barricadas e no apoio loxístico a Lavadores e á defensa de Tui no Cerquido. Paseos, penas de morte e prisión foron o castigo para quen participou nas columnas porriñesas e nas de Mos e Salceda que se xuntaron no Porriño o día 20 de xullo. Outro aspecto moi destacábel é a cantidade de vítimas dos concellos da contorna, especialmente de Vigo, que foron paseados nas cunetas da Louriña. Concentradas sobre todo nun extenso lugar de morte seguindo a estrada de Redondela até a Volta da Moura como xa se denunciaba en 1938 no libro O que fixeron en Galiza sobre “a estrada do Porriño”.

A dureza da primeira represión explícase en grande medida pola participación de moitos veciños e veciñas do val da Louriña nas barricadas e no apoio loxístico a Lavadores e á defensa de Tui no Cerquido

A dureza da represión seguro que dá algunhas pistas da dinámica social e política neste territorio no período republicano, que significaría do acontecido en Mos, O Porriño e Salceda de Caselas no período republicano?

En Salceda de Caselas e Mos, a dinámica política está marcada polas organización agrarias que gobernan o Concello ata o Bienio negro e logo, en xaneiro de 1936, retornan ao poder local formando parte da Fronte Popular. Son políticos que evolucionan do agrarismo radical até Izquierda Republicana, en absoluto son extremistas. Na última etapa republicana xorde, aceleradamente, a organización do Sindicato de Canteiros e a Casa do Pobo en Salceda e crece o asociacionismo sindical en Mos. En relación ao Porriño, a tradicional hexemonía socialista e da UGT dende principios de século vai compartir espazo durante a II República coa CNT e un incipiente PCE ademais de IR e a Federación Agraria. Xuntábanse na Casa do Pobo, no Centro de Estudios Científicos e Culturais o una Asociación Antifascista de Mulleres do Porriño ou de Cans. E, efectivamente, coincide que estes grupos son os mesmos que están implicados na participación contra o golpe de estado. A dureza da represión é unha “revancha” contra os que ousaron defenderse do golpe militar e ao mesmo tempo cumpre a lóxica do extermino que planificaba o xeneral Mola.

Sinala ao comandante militar de Tui, Eduardo Rodríguez González  como un peza chave na articulación do aparello represivo após o golpe de Estado, que papel van xogar os militares na posta en marcha do terror?

Os militares son os que dan o golpe de Estado e exercen o control, xerarquicamente, está clarísimo. O comandante militar de Tui, nomeado tras conquistar a cidade, ordena encarceramentos, ordena a suspensión de emprego e soldo dun grupo de mestres antes da famosa orde do Gobernador provincial, ordena a persecución dos fuxidos con continuas batidas nos montes que sempre rematan en mortes que se inscriben “por orde ou comunicación do comandante militar”, pon en marcha os consellos de guerra en Tui que, por certo, só se celebraron en Vigo e Pontevedra máis algún caso en Vilagarcía, e continúa establecendo as medidas represoras que desenvolven os sublevados. Este capitán Rodríguez procedía do Rexemento de Artillería de Pontevedra, un núcleo moi relevante do golpe militar na provincia e do mantemento dun réxime de terror.

Os militares son os que dan o golpe de Estado e exercen o control, xerarquicamente, está clarísimo

A comarca da Louriña vai coñecer a actuación de diversas milicias paramilitares, sexan da Falanxe for da Garda Cívica, cal foi a posición en relación coas mesmas das familias abastadas da zona?

Unha parte, semella que a máis grande, das familias abastadas apoiaron o golpe e publicamente deixaron mostra dese apoio nas subscricións patrióticas que se publicaban a mares na prensa galega. Pero teño a impresión, sen ter un gran coñecemento do asunto, que salvando algunha excepción a maioría dos paramilitares desta zona procedían dun baixo extracto social. Mesmo a esposa do fusilado Manuel López “Mandamadre” atreveuse a dicirlle aos falanxistas que o foran prender algo así como “con vos no vai, como non veña xente de máis categoría da casa non sae”.

A xerarquía eclesiástica púxose á carón do levantamento militar na Galiza desde o primeiro momento, que aconteceu nos concellos da Louriña e cal foi o papel do bispado de Tui?

O extremismo do abade de Budiño, Fariñas, rematou ferindo dun disparo a un miliciano cando as requisas de armas. Tamén foi sinalado o crego da Picoña por familiares do canteiro paseado Manuel Domínguez como delator que facilitou a súa detención. Pero, polo xeral, vemos á maioría dos cregos exercendo o papel burocrático dos informes. Nalgúns casos decidían a morte ou a prisión dos veciños e logo de escribir lavaban as mans. Entre as excepcións, o crego de Entenza, José Rodríguez, axudou notablemente a salvar vidas dos seus fregueses. Un dato insólito é a condena do párroco de Larazo, en Vila de Cruces, que estivo desterrado en Salceda de Caselas onde chegou en abril de 1937. Salvando algúns casos illados o comportamento do catolicismo viña marcado tamén pola xerarquía, a cúpula eclesiástica. Nefasto foi o papel do bispo tudense García y García, contrastando co exquisito trato recibido polo Comité de Defensa da República de Tui entre o 18 e o 26 de xullo tal como el mesmo recoñeceu. Era o tempo de bendicir armas e aplaudir os fusilamentos, cantos máis mellor.

Comentarios