O Parlamento reclama a execución provisional da sentenza do pazo de Meirás

O Parlamento galego pedirá ao Goberno español a cesión da xestión do pazo de Meirás e acorda reclamar a execución provisional da sentenza que declara que o ben, en mans da familia Franco, é patrimonio público.  
Meiras
photo_camera Imaxe do pazo de

O Parlamento galego posicionouse hoxe de forma unánime a prol de reclamar ao Estado español a execución provisional da sentenza que o pasado mes de setembro concluíu que a propiedade do pazo de Meirás (Sada), que foi durante anos a residencia de verán do ditador, é pública, o que obriga a familia Franco, en cuxas mans segue a estar este conxunto patrimonial, a restituíla sen obter ningunha retribución.

Ademais, segundo anunciou o deputado do PPdeG Alberto Pazos, xa hai rexistrada unha proposición non de lei que fará que o Parlamento se pronuncie a favor de reclamarlle ao Estado español a "cesión da xestión" deste ben patrimonial.

O BNG, pola súa parte, xa anunciou que apoiará a medida. 

O obxectivo desta cesión, segundo consta na iniciativa, é que se poidan realizar usos culturais que expliquen a historia do inmóbel, reivindiquen o "entendemento e a concordia" e "profunden" no papel das escritoras na literatura, en particular, de Emilia Pardo Bazán, que residiu no pazo e da que se conserva a súa biblioteca.

Recoñecemento público

A Cámara fixo tamén, grazas a unha iniciativa presentada polo deputado do BNG Luís Bará na Comisión Institucional da Cámara, un recoñecemento ás persoas e entidades que durante décadas e nomeadamente nos últimos anos denunciaron o espolio e participaron no proceso de recuperación do pazo, un traballo que, aos seus ollos, posibilitou este fallo "histórico", segundo coincidiron en describilo os tres grupos parlamentares .

Tamén o investigador Carlos Babío, un dos autores do libro "Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio", en cuxo traballo se baseou a Avogacía do Estado na demanda pola recuperación para o patrimonio público do pazo, reclama ao Goberno estatal que pida a execución provisional da sentenza que ordena a familia Franco devolver a propiedade a mans públicas. 

Segundo avanzou o historiador, a descendencia do ditador xa ten presentado un recurso na Audiencia da Coruña contra a resolución do xulgado de primeira instancia para intentar demostrar que a compravenda desta propiedade é válida.

Del salientou os argumentos "espurios" cos que, aos seus ollos, os Franco pretenden desmontar o relato histórico" da súa obra. 

Comentarios