mércores 14/04/21

Recoñecemento parlamentar á Xeración das Irmandades

Catro fundacións que levan o nome de membros da Xeración das Irmandades que impulsaron a revista ‘Nós’ recollerán a Medalla do Parlamento da Galiza. Porén, nada di o comunicado do Parlamento sobre a represión, exilio e asasinatos que sufriu esta xeración a mans dos fascistas.

Medalla do Parlamento da Galiza 2021
Medalla do Parlamento da Galiza 2021

A Cámara galega homenaxeará esta terza feira, 6 de abril, a Xeración das Irmandades entregando as Medallas do Parlamento da Galiza de 2021 a catro entidades que dan continuidade á memoria de nacionalistas galegos que foron chave na Xeración das Irmandades e que impulsaron a revista ‘Nós’: a Fundación Otero Pedrayo, a Fundación Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a Fundación Antón Losada Diéguez e a Fundación Vicente Risco.

O pasado 2020 cumpríronse 100 anos desde que viu a luz o primeiro número da revista 'Nós', sostida entre 1920 e 1936 por un grupo de intelectuais nacionalistas liderados por Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Alfonso Rodríguez Castelao, Arturo Noguerol, Florentino López Cuevillas e Ramón Otero Pedrayo.

Entre o resto de personalidades esenciais para a Xeración Nós, o Parlamento menciona tamén Xavier Prado 'Lameiro', Ánxel Casal e a Ramón Cabanillas, xunto a case 200 figuras que completaron o chamado "segundo círculo" da revista ‘Nós’.

O Parlamento galego sinala que estas persoas "comopolitas, europeístas, cultas e vangardistas" conformaron a chamada Xeración Nós, coa que "o galeguismo comezou unha nova andaina". A experiencia de Nós, di o Parlamento, “rematou abruptamente co golpe de estado de 1936, a guerra civil e a ditadura, pero a súa semente e o seu exemplo permaneceron imperecedoiros na Galiza territorial e na emigración”.

Porén, o comunicado do Parlamento non fai mención nin á represión, nin ao exilio nin ás torturas e o asasinato que esta xeración padeceu pola defensa da Galiza, a democracia e o seu compromiso nacionalista.

Non di o comunicado oficial do Parlamento como foi que remataron as vidas dos galardoados coas Medallas, nin do represaliado Pedrayo nin do Castelao morto no exilio nin do Casal asasinado nun foxo da estrada polos fascistas.

O acto de entrega das Medallas decorrerá no Pazo do Hórreo o mesmo día en que se fan os 40 anos da promulgación do Estatuto de Autonomía de 1981. Participarán, ademais do presidente da Cámara, Miguel Santalices, o titular da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e representantes das fundacións galardoadas.

Este galardón, entregado cada ano polo aniversario do Estatuto de Autonomía, foi suspendido en 2020 debido a que o Parlamento se atopaba disolto -nun principio, había convocadas eleccións para o 5 de abril, aínda que se aprazaron a 12 de xullo- e porque coincidiu co confinamento derivado da pandemia do coronavirus.

En anteriores edicións, a Medalla do Parlamento galego  recaeu na Comisión Delegada  do Consello de Comunidades Galegas (2019) como representantes da emigración galega; en entidades benéficas como Cáritas Diocesanas, Cogami e Aldeas Infantís (2018); e na chamada 'Comisión dos 16' (2017), autores do anteproxecto do Estatuto de Autonomía de 1981.

comentarios