Pardo de Cela foi soterrado en Viveiro

O historiador Xosé Carlos Breixo asegura que o mariscal non se atopa na Catedral de Mondoñedo, senón que os seus restos están soterrados en Viveiro.
photo_camera Mariscal Pardo de Cela

Após séculos de afirmacións máis literarias que históricas, o historiador Xosé Carlos Breixo, asegura que un dos “personaxes máis interesantes” da Galiza medieval, como el propio o define, non está soterrado na Catedral de Mondoñedo –como aseguraba a literatura decimonónica, senón que os seus restos se atopan en Viveiro, de acordo co testamento do propio mariscal e dos seus herdeiros.

Arredor da figura de Pardo de Cela “hai moito de literatura e moita carga política que non é de todo certa”, asegura Breixo. O mariscal “foi un dos homes que naquela época”, en que se estaba a configurar de maneira incipiente a arquitectura do estado moderno, “loitou polos seus dereitos familiares e patrimoniais” ao tempo que procuraba converterse “nun grande como os que el vía”, asegura o historiador. Para Xosé Carlos Breixo, “o lado político” que lle atribuíu a literatura do século XIX, mitificou a figura do mariscal froito, en gran medida, da falta dun xuízo que clarificase os cargos polos que era acusado.

Pardo de Cela era “un home de confianza do bispo” que foi tentado “polo reino portugués no século XV para ampliar as súas fronteiras”, ocupou cargos de grande importancia na Galiza da época, “mais non conseguiu o que quería porque só chegou a mariscal”. No enfrontamento contra os reis de Castela, “Pardo de Cela loitou a prol dos seus intereses familiares e patrimoniais” e non tanto na defensa do territorio galego, como asegura a lenda.

O mariscal, soterrado en Viveiro
Non existen documentos eclesiásticos que demostren con certeza que o sepulcro do mariscal mindoniense se atope na Catredral. Pola contra, o historiador Xosé Carlos Breixo, transcribiu os documentos legais que compoñen o testamento do mariscal –escritos en galego, polos que ordenaba ser soterrado na capela onde se lle dera morte. Así mesmo, conta Breixo, os documentos continúan e expresan con claridade que Pardo de Cela exixía ser trasladado pasado o tempo, á igrexa de Viveiro.
As súas afirmacións, sostéñense no costume xurídico da época, pois nos séculos XV e XVI as “vontades dos defuntos cumpríanse sempre ou case sempre”. Ademais, existen documentos legais que dan conta da existencia do sepulcro en Viveiro. Nun pleito entre @s herdeir@s de Pardo de Cela e os franciscanos encargados de misar pola súa alma, os frailes reclaman á familia do mariscal o diñeiro adebedado polas devanditas oracións misadas perante o sepulcro, “e non falan dunha débeda de cincuenta anos, senón de pouco tempo atrás”, afirma o historiador de acordo cos documentos históricos recollidos. Xosé Carlos Breixo, asevera con rotundidade que o “testamento da súa filla reproduce a vontade do mariscal” --de ser soterrado en Viveiro, e exixe que esta siga cumpríndose despois da súa propia morte.

O historiador, asegura posuír asemade, novos documentos históricos arredor da figura do mariscal que botarían un pouco máis de luz sobre a personaxe real fronte ao mito, e asegura “a literatura medieval componse de algo que foi contado, mais faltan as fontes que lle dean rigor histórico”. Para Xosé Carlos Garrido, "debeu ser un moi bo guerreiro, moi bo soldado", di, e destaca del "máis esa faceta que a do político". 

Comentarios