Pardo de Cela, un mártir da causa galega

Pedro Pardo de Cela exemplifica a oposición dunha parte maioritaria da sociedade galega á política centralizadora dos Reis Católicos. Este domingo 17 de decembro é o 534 aniversario da súa execución.

Pardo de Cela.
photo_camera Retrato de Pardo de Cela

A traxectoria vital de Pardo de Cela e particularmente a súa morte explícanse no marco dunha revolta autenticamente nacional, con apoios no conxunto do territorio galego sen discriminar os ámbitos rurais ou urbanos, e popular, isto é partillada por un igual polo conxunto das clases sociais de Galiza, que se alonga por perto de sete anos e que só puido ser derrotada pola violencia e o terror xeneralizado. Un exemplo da postura das nosas clases dirixentes atopámolo nos diversos acordos e requirimentos asinados pola nobreza galega, o primeiro deles en Outubro de 1477 co apoio da práctica totalidade dos magnates do país, e que terán continuidade, xa con desercións destacadas até 1486. Outro tanto acontece coas clases populares, fose na súa faciana protoburguesa ou labrega, deixando testemuño do seu rexeitamento á alternativa dos Reis Católicos participando activamente na revolta, do que da conta os máis de 1.500 galegos exiliados á altura de 1486 en Portugal e Bretaña.

O seu desacordo coas medidas gobernativas dos Reis Católicos viñan de vello. Fillo de Xoán Núñez Pardo de Cela “O Vello” e de dona Violante de Aguiar, emparellado con dona Beatriz de Castro, filla do conde de Lemos, herdou de seu pai a encomenda da catedral de Mondoñedo, iniciando aquí unha conflitiva relación coa igrexa que o acompañou até a súa morte. Irmandiño de primeira hora, como documentou Anselmo López Carreira, exerceu de Alcalde de Viveiro desde 1464, coincidindo no cargo cos momentos de máxima esixencia das demandas das irmandades, chegando a enfrontarse a Xoán de Viveiro, vizconde de Altamira, casado con María de Acuña, en cuxa casa de Valladolid casaron en 1469 Isabel e Fernando. O 4 de Outubro de 1477 aparece asinando en Lugo un escrito dirixido aos Reis Católicos, canda Diego de Andrade, Sueiro Gomez de Soutomaior e os condes de Lemos, Monterrei e Altamira, no que amosan a súa oposición á política de Isabel e Fernando advertíndolles que no caso de enviar tropas a Galiza “de que el Rey e la Reyna nuestros señores no serían servidos, ni el habría paz y sosiego”.

Á altura de 1486 había 1.500 galegos exiliados en Portugal e Bretaña

Foi a cabeza da revolta contra Castela no norte galego. Os primeiros enfrontamentos de Pardo de Cela co poder rexio van ter como escenarios as terras de Viveiro en 1476, onde se enfronta contra dunha armada castelá comandada por Ladrón de Guevara camiño de Pontevedra a enfrontarse con Pedro Madruga, e a comarca de Ortigueira en 1478, provocando a reacción do rei Fernando desde Sevilla.

A rebelión galega entrará nunha nova fase coa chegada ao pais da “Santa Hermandad”, un auténtico exercito colonial enviado a Galiza en Outubro de 1480 para impoñer a política dos Reis Católicos, que co apoio dun corpo mercenario bretón, dirixido por Luís de Mudarra, rematarán por pórlle cerco ao mariscal en 1481 no castelo da Frouseira, nunha  operación militar que se alongara segundo as fontes entre 8 e 15 meses e de cuxa dureza darán conta as baixas do exercito ocupante soterrados no adro da catedral de San Martiño de Mondoñedo. Aínda así, o 11 de Agosto de 1482 estará representado en Melide na última grande xuntanza da nobreza galega, acudindo en Febreiro de 1483 a Lugo en apoio do bispo Alonso Enriquez Osorio, irmán do conde de Lemos, asediado polas tropas estranxeiras.

Foi a cabeza da revolta contra Castela no norte galego.

A morte de Pedro Pardo de Cela, fose está o 17 de Decembro de 1483, como indica a tradición e a documentación clásica, ou nos primeiros días de Outubro dese 1483, segundo achega a información de Xosé Carlos Breixo ou Eduardo Pardo de Guevara, explicase no marco dunha guerra colonial de conquista e na conseguinte aplicación de medidas excepcionais.

Así, Xosé García Oro, no seu detallado estudo sobre a Galiza dos séculos XIV e XV, fala de que esta produciuse no marco dunha sorte de lei marcial, cuestión que se deduce tamén das declaracións das propias testemuñas do suposto testamento do Mariscal pero tamén do intervalo de 10 días que media entre a súa detención na casa de Afonso Iañez no Castro do Valadouro  e a súa morte na praza de Mondoñedo. Sexa como for, o asasinato conseguiu o seu duplo obxectivo de sementar o terror, exemplarizando na súa figura, e de descabezar a resistencia galega, idea que desliza o propio Vasco da Ponte ao afirmar “viendo los señores fallecido al Conde de Lemos y muerto Pedro Pardo, acordaron todos ser una”.

A loita de Pedro Pardo de Cela vai ter continuidade nas súas fillas Constanza e Beatriz. A primeira refuxiada após a morte do seu pai na fortaleza de Caldaloba, na parroquia chairega de San Martiño de Pino, resistiría ás tropas castelás mandadas por Diego López de Haro até finais de 1484, ano no que morre envelenada, resultando na altura tamén ferido o seu compañeiro Fernán Ares de Saavedra, cuxos bens serán confiscados polos Reis Católicos. Beatriz, canda a súa parella Pedro de Bolaño que destacou loitando na revolta galega, manterá a memoria da rebeldía nos múltiples frontes xudiciais abertos contra a monarquía, pero tamén na defensa da dignidade da súa xinea.

Pedro de Bolaño, o señor da casa de Taboi, onde gardou ao longo de séculos a famosa Relazón da carta executoria, un texto escrito en galego arredor de 1515 por un membro da familia, no que se dá conta das razóns e dos feitos que concorreron na morte de Pardo de Cela, aínda participou en 1486 na cerco de Ponferrada canda o conde de Lemos Rodrigo de Castro

A loita de Pedro Pardo de Cela vai ter continuidade nas súas fillas Constanza e Beatriz.

A resistencia galega só foi fendida após dunha dura campaña militar. Á altura de Outubro de 1480 os Reis Católicos envían contra Galiza unha unidade militar, a “Santa Hermandad”, corpo de exercito formado, segundo Vasco de Aponte, por máis de 300 xinetes e dirixido por López de Chinchilla e Fernando de Acuña, cuñado de Xóan de Viveiro, con funcións policiais e xudiciais.

As milicias conformadas por casteláns e bretóns foron rexeitadas desde o primeiro momento polos galegos, os propios cronistas reais, como Zurita, afirman que chegaron “contra voluntad de todo aquel Reyno, estando todos en resistencia”, sendo condenada de xeito reiterado as súas actuacións polo conxunto dos sectores sociais, como exemplifica a denuncia dos concellos de 1482. Os novos monarcas contaran na súa campaña de conquista  coa inestimábel colaboración do Vaticano, chegando o mesmo papa Sixto IV en 1484 a ameazar o arcebispo de Compostela coa excomuñón, no caso de non proceder a desencastelar e abandonar a catedral. 

A resistencia galega só foi fendida após dunha dura campaña militar

A derrota de Galiza vese confirmada coa visita a Compostela en 1486 dos Reis Católicos. A súa política de “doma”  e asimilación afecta a totalidade das esferas da vida do país, ben no ámbito cultural e lingüístico, no ámbito económico ou no ámbito político. O galego que viña operando como lingua oficial na documentación escrita desde o século XIII, amplamente maioritaria ao longo dos séculos XIV e XV, só resistira uns lustros despois de que os Reis Católicas obrigasen en 1480 aos notarios a examinarse na Corte de Toledo.

Os contratos agrarios, e por conseguinte a relación entre os labregos e os señores, endurécese nos anos finais do século XV como estudou María Xosé Rodríguez Galdo, ao tempo que se establece unha nova fiscalidade que da comezo ao espolio de Galiza e á drenaxe do aforro. Un aspecto central deste proceso é a desnaturalización dos mosteiros galegos, de cuxo poderío económico dan conta os seus edificios, subxugados a unha lexislación especial dentro da Coroa de Castela, e sometidos a Orde de San Bieito de Valladolid após unha decisión real de decembro de 1487. Non menos transcendencia tiveron os recortes das liberdades individuais e dos dereitos civís, chegando mesmo a prohibirse, tal como sinala López Ferreiro, a presenza nas vodas de todas as persoas, agás os noivos, os pais destes e os padriños.

Comentarios