martes 04/08/20

A pandemia do ‘cólera morbo’ na Galiza de 1854

Pobres hóuboos e hainos. A diferenza é que hoxe, cando menos nalgunhas zonas do planeta, os sistemas públicos de saúde impiden que a riqueza sexa a alfándega que marque a separación entre vivir e morrer por efecto dunha pandemia, a da Covid-19.
A pandemia do ‘cólera morbo’ na Galiza de 1854

En maio de 1854 aparece na Galiza un xornal de nome tan orixinal como significativo, o Boletín del Cólera. Tírase en Compostela, e nel participan un feixe de médicos e de xentes relacionadas co mundo das ciencias, caso dos composteláns José Varela de Montes e Vicente Martínez de la Riva, do lugués Juan Manuel Capón Novoa, do coruñés José Villar, do tudense Florencio Cobián ou do químico monfortino Antonio Casares. A publicación resposta á presenza do cólera no país, primeiro na área pontevedresa e logo por toda a beira costeira, con incursións puntuais no interior.

Como é de supor, ofrece informacións sobre a pandemia, consellos médicos, medidas hixiénicas e profilácticas..., mais tamén un espazo para a discusión científica sobre o mal e un altofalante para debater sobre o seu impacto social, a actitude das xentes fronte del e as medidas postas en marcha polos poderes públicos para atallalo e combatelo. Sen necesidade de forzar a comparación, é doado atopar coincidencias entre o cólera e a Covid-19 dentro, claro, das súas particulares e intransferíbeis circunstancias tanto sociais como científicas.

A orixe de ambas as dúas pandemias é unha delas. A día de hoxe, descoñécese a da Covid-19 alén de teorías por demostrar, e isto deixando de lado as perspectivas "conspiranoicas", porque de consideralas o espectro de posibilidades aumenta ad infinitum. Á altura de 1854 a situación era idéntica, e seguirao sendo até os descubrimentos de Koch en 1884: de feito, nin sequera había unanimidade sobre que se tratase dunha doenza infecciosa, o que convertía calquera medida de prevención e de tratamento nunha proba de ensaio-erro. E, como acontece en calquera sociedade atacada por un problema incomprendido, tamén entón aparecen solucións acientíficas alicerzadas no "cuñadismo", no rumor sen fundamento e na busca dunha explicación simple a un problema complexo: son as acusacións de que os médicos espallan a doenza para poderen aumentar os seus honorarios.

"A peste é un castigo de Deus"

Doutra banda, e como tamén contemplamos agora, non fallan os que critican por facer e tamén polo contrario (coma o Pepiño Grilo da canción: "faga o que faga sempre chega o sermón"), con obxectivos tan agochados como inconfesábeis e sempre coa intención de achegar o tizón á súa sardiña: a pastoral do arcebispo Vélez de 1834, outro ano do cólera, é un exemplo de chamada á resignación propia da súa fe, mais tamén un nada disimulado intento de aumentar a influencia social da igrexa naquela sociedade tan crente como desconfiada dos seus xestores: a peste é un castigo de Deus (serao na versión do Antigo Testamento, porque a do Novo é de amor e de perdón, como nos ensinaba en Vilaronte don Vitoriano, o noso crego chairego), polo afastamento dos galegos e das galegas do seguimento aos seus pastores. Mensaxes semellantes agroman tamén en 1854, rogativas públicas incluídas.

Na Galiza a traxedia albiscábase desde finais de 1852. Xa en marzo de 1853, a prensa fala das novas "desconsoladoras" que chegan de alí, cun temporal durísimo de auga e frío que vai xa para seis meses. As colleitas perdéronse, non se puido sementar e as perspectivas inmediatas son desoladoras. Hai "fame", e son milleiros os que marchan cara ás cidades na busca dun traballo que rarea e dunha esmola que lles dea para sobrevivir. Multiplícanse as chamadas ao Goberno, con peticións de fomento de obras públicas nas que ocupar brazos. Son os ERTE da época, a táboa de salvación dun naufraxio no que as quenllas logo aparecen. Fano en xaneiro de 1854, cando o gobernador civil pontevedrés desmente que haxa cólera no territorio contra dalgunhas informacións, igual que repetirán moitos anos despois personaxes coma Jair (Bolsonaro, non o Rodrigues primeiro rapeiro brasileiro) ou Donald (Trump, non o pato) ao falaren dunha simple gripe. Como adoita acontecer, a primeira resposta é negar a pandemia, que doutra banda non era unha novidade na Galiza, como demostra a pastoral de Vélez recollida antes.

San Simón o foco inicial

O lazareto vigués de San Simón pasa por ser o foco inicial, e fálase xa da necesidade de fixar corentenas. Logo da fame e da miseria, agora chega o outro xinete da apocalipse coa gadaña afiada: Redondela, Tui, Ponteareas, A Garda, Mondariz, Vigo son as primeiras localidades nas que deixa o seu ronsel de mortes. En Cangas hai 200 persoas atacadas en xaneiro, e en febreiro son xa 147 as mortes na Galiza (La España, 5 de febreiro de 1854). Tampouco agora, como acontece igualmente coa Covid-19, a peste é democrática e socialmente igualadora. Cébase coa poboación debilitada e famenta (co "proletariado" e a xente "pobre": El Católico, 10 de xaneiro de 1854), coas persoas que aturan meses de bandullos baleiros, coas que non poden pagar servizos médicos e coas que non dispoñen de quintas rurais nas que refuxiárense con paneiras ateigadas e adegas fartas: ricos e pobres hóuboos e hainos, coa diferenza de que agora, nalgunhas áreas do planeta, os sistemas públicos de saúde fan o imposíbel por evitar que a riqueza marque unha liña infranqueábel que separe a vida da morte, por máis que os apóstolos das privatizacións, os fanáticos das "externalizacións" e os traficantes coa saúde, fagan o imposíbel por rematar con eles. O mesmo, por certo, que buscan lograr coa educación pública, outro dos nichos de mercado que apetecen.

Quizais para que, como na Galiza de 1854, as clases populares dependan da caridade, e para que seus fillos e fillas apenas poidan aspirar a coñecer as catro regras. Despois de todo, nestes tempos post en que andamos nos que medran traballos tan "especializados" como levar comida a domicilio, tampouco é que faga falla moita ciencia.En evidente paralelismo tamén coa actualidade, logo aparece a derivada económica. Algunhas novas apuntan que Valladolid prohibe a entrada a xente procedente da Galiza, unha hecatombe de ter imitadores na véspera da emigración anual para facer a sega ás Castelas e á Mancha, para traballar de "picapedreiros" e para recoller olivas nas Estremaduras e nas Andalucías, fontes de ingresos básicas para economías que se moven no gume da navalla cun perigo permanente de caeren na indixencia. A prohibición das feiras no país engade combustíbel á fogueira da miseria, mais os incumprimentos multiplícanse porque na alternativa de morrer seguro coa fame a facelo, quizais, de cólera, a elección é clara. Que isto fose así mediado o século XIX ten até a súa lóxica nunha centuria que nin albiscara o concepto de cidadanía social, mais non nun século XXI mediado por un Estado do benestar ideado hai 75 anos como resposta aos desafíos, entón moi reais e hoxe só carne de historiadores, do modelo comunista, e como compensación ao holocausto popular da II Guerra Mundial.

A comezos de xuño o mal chega á cidade da Coruña, e a prensa salienta a súa dimensión mundial con casos en Xamaica ou Honduras, mar por medio. Mais o peor está por chegar. Faino en outubro e a comezos de novembro, cando as rúas da cidade herculina contemplan o paso constante de carros fúnebres: nun balanzo provisional, El Clamor Público (2 de novembro de 1854) fala de 1.350 defuncións, unha cifra brutal para unha poboación de apenas 27.000 habitantes segundo o censo de 1857. A historia muda en traxedia, co seu acompañamento de heroes (Juana de Vega, que atende persoalmente os coléricos, os médicos que pagan coa vida o seu compromiso, caso de Antonio Gián) e viláns (os gálenos que foxen, igual que o gobernador civil interino Pasarón y Lastra, ou os cregos que desatenden os fregueses agónicos). Confíase en que o nordés barra o andazo..., igual que hoxe se fai cunha vacina camiño de ser xeoestratéxica no balanzo de poderes do século. 

comentarios