O outubro vermello ourensán de 1869

Ficou no esquecemento como a práctica totalidade das revoltas que avalaron a Galiza do Sexenio (1868-1874). A súa marca foi republicana federal e internacionalista, significando a prensa da época o grande despregue de bandeiras vermellas. A súa memoria tráenos ao presenta vellas tradicións de loita e o espírito insubmiso da Galiza.

La_esp_Rep._Federal,_Rep._Unitaria_(2)
photo_camera O Sexenio estivo marcado polo conflito entre os que apostaban por unha república federal e os que defendían a república unitaria. (Foto: Nós Diario)

O 2 de outubro de 1869, os republicanos de práctica federal e os internacionalistas fanse co control da Ourense, depoñen e posteriormente deteñen ás autoridades provinciais e proclaman a república federal. A xunta revolucionaria, formada por persoas de recoñecida militancia antimonárquica, fica composta por Francisco Casanova como presidente, Alejandro Quereizaeta como secretario, Salvador Nóvoa como vicesecretario e Guillerme Moreiro, José Gómez, Federico Anta, Ramón Díaz, José Noguerol, Facundo Santalla, José Saborit, Marcelino Rodríguez, Benito Cobas e Carlos Pereira.

O programa da revolta, recollido nun manifesto publicado pola prensa o día 3, non deixa dúbida das súa alternativa, cualificando a “Madrid como tirano das provincias”, demandando a restauración dos “santos foros dos dereitos dos pobos por medio da verdadeira democracia” e solicitando “a liberdade, a igualdade, a fraternidade e a moralidade sincera”.

Un tenente da Guarda Civil e un soldado morto

A revolta de Ourense non tardou en ser derrotado, tras dislocar o goberno o 4 de outubro compañías militares doutras localidades á cidade. Segundo sinalaba La correspondencia de España o 7 de outubro de 1869, “ás 7 da mañá do día 2 foron presas todas as autoridades, agás o concello, pois algúns tomaron parte, apoderándose despois do goberno da provincia, tesourería e Telégrafos e desarmando a oficiais e soldados”.

Ao longo desa mesma xornada, producíronse diversos enfrontamentos armados  con efectivos do exercito e da Guarda Civil, significándose o celebrado na Ponte das Burgas, onde “os republicanos instan á tropa que se entregue, esta resístese e rompe fogo dunha e doutra parte, caendo morto un tenente da Guarda Civil e un soldado de infantería”. A resistencia, alongaríase durante máis tempo no rural da cidade, tras erguer os rebeldes barricadas, porén, estas nada puideron facer contra os novos reforzos chegados doutras partes da Galiza.

O cárcere en Cádiz e o exilio en Portugal

A derrota do levantamento abriría a porta  á represión dos rebeldes e dos seus dirixentes. Unha parte destes, entre os que se atopaban os cadros máis significados como Francisco Casanova, Alejandro Quereizaeta, José Gómez, Federico Anta, fuxirían cara a Portugal, levando como reféns ao gobernador civil e militar de Ourense, instalándose posteriormente en Coímbra e retornando a Galiza tras a ser amnistiados en 1871, unha vez proclamada a I República.

Outro grupo, milicianos nacionais sen responsabilidade na organización da revolta, serían detidos, procesados e encarcerados, pasando a practica totalidade do seu cativerio na prisión militar da Carraca, en Cádiz. Alejandro Quereizaeta, nun artigo publicado en La Igualdad en 1870 desde o seu exilio en Coimbra, dirixido aos seus compañeiros recentemente liberados, sinalaba “Queridos correlixionarios ao fin vos atopades na nosa querida cidade, após sufrir a sorte reservada aos defensores da xustiza, aos que aman a Galiza e a humanidade”.

A revolta ourensán de outubro de 1869 non foi un feito illado. Vincúlase con diversas mobilizacións e actos de protesta en diversos puntos da Galiza contra a constitución de 1869, que non só confirmou a monarquía, senón que defraudou as esperanzas da sociedade galega dunha mudanza política que revertera o  proxecto centralizador no territorial e liberal económico imposto pola oligarquía española ao longo do século XIX.

Comentarios