UNHA CRÓNICA

A outra loita das Encrobas

A letra e a música viñan de vello. O conflito que viviu as Encrobas non foi máis, pero tampouco menos, que outro capítulo da loita na defensa dun modelo de desenvolvemento racional e sustentábel para Galiza, na oposición ao espolio dos seus recursos económicos, nomeadamente os enerxéticos e  tamén  no apoio á dignidade das súas labregas e labregos. DOCUMENTARIO DE CARLOS VARELA NO INTERIOR.

Non lle faltaba logo, razón a Fuxan os ventos cando na súa Cantiga das Encrobas, composición musical sobre letra do poeta Manuel María e popularizada en pleno conflito, afirmaba: “Primeiro Portomarín/ logo Castrelo de Miño/ despois tocoulle as Encrobas/ sufrir parello destiño”. Ao fin, o “destiño” das Encrobas presentará mudanzas substanciais co de Portomarín e Castrelo de Miño  e o seu futuro será distinto ao previsto por Fenosa e o Goberno do Estado, como consecuencia da presión popular. A morte de Franco e o proceso que o sucede non só posibilita pequenas raiolas de liberdade que favorecen certas formas de loita con anterioridade moi dificultosas, senón que favorece un clima político  de apertura, como consecuencia da confusión dos poderes fácticos diante das perspectivas que se podían abrir e que remataría por fecharse a medida que se asenta o proceso de reforma. Ao tempo, o movemento nacional popular galego, o bloque social e político conformado polo nacionalismo, era xa unha realidade organizativa asentada en importantes sectores do noso pobo, cunha relativa influencia social e cunha importante capacidade de mobilización.

A loita das Encrobas exemplifica á perfección o xeito de actuar do movemento nacional popular galego, sintetizado naquela voz de orde, repetida en tantas ocasións nas xuntanzas da UPG e da ANPG, de “concienciar para organizar, organizar para mobilizar”. Aínda que as orixes do conflito hai que situalas en 1974, momento no que FENOSA merca ao empresario Epifanio Campos unha concesión mineira e o Consello de Ministros celebrado en Meirás aproba a utilidade pública da actuación, non será ate febreiro de 1976, data na que as Comisións Labregas desprazan á localidade un cadro clandestino, nome de guerra “Marcelo”, cando comece a protesta de xeito organizado. Tocaba concienciar, e a partir de aí  sucédense asembleas veciñais semanais, escritos á prensa socializando e informando da problemática, estudos elaborados polas equipas técnicas do nacionalismo sobre as consecuencias para a zona da explotación mineira e actos informativos, o primeiro dos cales foi celebrado en Agosto de 1976 coa presenza dos economistas da UPG Manuel Pousada Covelo e María do Carme García Negro e do xornalista Xosé Antón Gaciño. Era tempo de organizar, e así procédese a unir á veciñanza, dividida polas propostas da empresa e de certos poderes locais e nacionais, a reorganizar a “Comisión dos Veciños” poñendo á súa fronte ás persoas máis firmes e clarificadas e visibilizar novas referencias socias, algunhas das cales como Manolo Rodríguez, Manuel Silveira, Cesáreo Pena, Antonio Bastilleiro ou Xesús Vilamisar ficaran para sempre ligadas á historia da loita.

Encrobas.ManifaA situación estaba madura para pasar a unha nova fase de loita e as Comisións Labregas acordan convocar un mobilización nacional para socializar o problema, expresar a súa solidariedade coas protestas das Encrobas e demandar unha solución xusta. O 29 de Agosto de 1976, unha manifestación previamente legalizada pola sinatura de oito particulares, arranca da Praza de Portugal da Coruña, chegando a xuntar ao seu remate arredor de 8.000 persoas, entre ás xentes das zonas afectadas e galegas e galegos mobilizados polas organizacións do nacionalismo. A marcha, inmortalizada en Super 8 pola cámara de Carlos Varela Veiga, destacou pola súa combatividade, testemuñada polas consignas de “A Terra é nosa e non de Fenosa”, “Cartos non, traslado da poboación” “Caciques fora da nosa Terra”e “Galiza ceibe, poder popular”, procedendo a disolvela pola forza a Policía Armada mentres os presentes cantaban o Himno Galego, tras as intervencións de Moncho Valcarce e de Manuel Rodríguez. Á manifestación da Coruña, cuxa brutal disolución vai provocar unha enxurrada de solidariedade coas Encrobas, vana seguir as concentracións en oposición á ocupación das terras, trámite previo para expropiación forzosa segundo a lexislación vixente na época. A primeira deles o 16 de Setembro, canda 150 veciñas impiden o acceso á propiedade a técnicos de FENOSA acompañados polo Alcalde de Cerceda e a Garda Civil, e unha segunda o 29 de Novembro, ao impedir preto de 200 persoas a ocupación das terras ao longo de toda a mañá e obrigar a empresa a sentarse a negociar.

O 15 de febreiro de 1977 arredor de 100 veciñas e veciños das Encrobas enfróntanse en Pau Rañón a uns 80 números da Garda Civil que tentan ocupar os terreos para facer efectivo o procedemento de expropiación forzosa. Ante a imposibilidade de conseguir os seus obxectivos, as forzas de seguridade mudan de táctica, iniciando a detención un a un dos presentes, até un número de 40 que son retidos no cuartel de Cerceda. Xa ánotiña, 11 deles son trasladados á Coruña, ficando Manuel Rodríguez, Ricardo Mosquera e Moncho Valcarce a disposición da xurisdición militar, baixo a acusación de agresión e resistencia á Garda Civil. A solidariedade coas Encrobas non se fai agardar, organizando o nacionalismo nos días seguintes concentracións diante dos Gobernos Civis, promovendo chamados de apoio do conxunto do tecido social de Galiza, forzando ás organizacións de obediencia española, nomeadamente ao PSOE e ao PCE, que até aquela permanecían a marxe da loita, a expresar o seu apoio. O 20 de febreiro de 1977, A Coruña, practicamente tomada pola policía armada, vive outra xornada de loita en solidariedade coas Encrobas que remata coa detención de 12 dirixentes nacionalistas, entre eles Bautista Álvarez ou Francisco Rodríguez que denunciará torturas na comisaría por negarse a falar en español. Xa pola tarde, ao tempo que continuaban retidos algúns dos participantes na manifestación, As Encrobas acolle un dos actos máis emotivos desta loita, a homenaxe ao militante de ERGA Emilio Suárez, un mozo de 18 anos natural do Bierzo e estudante da Universidade Laboral da Coruña que morreu electrocutado mentres colocaba unha faixa en solidariedade coas Encrobas.

É hora de cantarlle de novo as Encrobas, recuperando a súa letra e a súa musica sen distorsións, para explicalas, para avalialas e para devolverllas ao pobo galego. Explicar As Encrobas implica ter presente o rol asignado ao País na división internacional do traballo e por conseguinte  o carácter da súa dependencia, esencialmente colonial. Comprender As Encrobas obriga coñecer que o nacionalismo, en canto creación xenuína e orixinal, articulou unha alternativa política que asumía as reivindicacións que pasado o tempo definiron o que se deu en chamar a “nova esquerda”, sinaladamente para o caso que nos ocupa, o ecoloxismo. Entender As  Encrobas require coñecer a consideración do nacionalismo sobre os labregos e as labregas como axentes centrais do cambio político e social no noso País, en confronto cunha esquerda española narcotizada por unha visión eurocéntrica do marxismo. Avaliar As Encrobas esixe asumir os obxectivos non acadados, pero significar os logros conseguidos na loita, sexa no aumento dos prezos das terras, multiplicando nalgúns casos por cinco a oferta inicial, na concesións de pensións vitalicias, no acceso preferente ao emprego na empresa para os afectados ou na construción de vivendas para os caseiros. Valorar As Encrobas  supón recuperar a experiencia daquela loita cos seus aspectos emotivos e tamén sinalando os políticos, isto é, condicións obxectivas, análise da realidade cun corpo doutrinal que permita explicala, traballo organizado, disposición da militancia e vontade do corpo social. Ao fin que volvan As Encrobas á Galiza enteira, crear dúas, tres, moitas Encrobas.

As fotografías son da autoría de Xosé Castro, a de arriba, e de A Nosa Terra, a que vai inserida no corpo do texto.
 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios