En Cuntis

O Outono da memoria comeza esta sexta feira coa apresentación de 'Os nomes do terror'

Esta sexta feira 10 de novembro a Casa da Cultura Roberto Blanco Torres de Cuntis acollerá a partir das 20 horas a  apresentación do libro Os nomes do terror (Sermos Galiza). Nela participarán dous dos seus autores, Pepe Álvarez e Xoán Carlos Garrido. A obra, que indaga na lista de represores que perpetraron crimes após o golpe fascista, achega información sobre os nomes destes verdugos e as súas formas de actuar.

os nomes do terror presentacion
photo_camera Un momento dunha das apresentacións de 'Os nomes do terror'

O libro pretende deitar luz sobre a represión fascista na Galiza e os procedementos e actuacións que levaron a cabo represores, Igrexa e tribunais da época. Publicado por Sermos Galiza o 25 de xullo deste ano, o traballo está dirixido polos historiadores Xosé Ramón Ermida, Dionisio Pereira, Eliseo Fernández e Xoán Carlos Garrido e nel participan algúns dos máis importantes historiadores galegos especializados no tema, como Emilio Grandío ou Xosé Álvarez.

A segunda xornada do programa “Outono da memoria” vaise realizar a segunda feira 13 de novembro no Centro Público Integrado Aurelio Marcelino Rey García, cun coloquio do xornalista Carlos Hernández cos alumnos de terceiro e cuarto da ESO. A sexta feira 17 será Luís Bará, deputado do BNG, o encarregado de apresentar na Casa da Cultura o seu libro Non des a esquecemento. Relatos do xenocidio fascista en Gliza, da resistencia e da solidariedade, a partir das 20 horas.

Para rematar co programa, o escritor e historiador Xosé Fuentes Alende recibirá o sábado 18 o I Premio de Investigación en Humanidades e Ciencias Sociais Olimpo Arca. A partir das 12 horas na Casa da Cultura.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios