Ourense lembrará Alexandre Bóveda cun roteiro

A cidade natal do histórico nacionalista percorrerá o 1 de xuño, por segundo ano consecutivo, os lugares máis representativos da súa infancia e mocidade.
Roteiro homenaxe a Alexandre Bóveda en Ourense 2011

Xurdida en 2011, cando se conmemoraba o 75º aniversario do seu asasinato, a iniciativa de lembrar a memoria do histórico dirixente do partido galeguista sempre estivo presente en moitos colectivos da cidade. Agora, este segundo ano, este proxecto xa é toda unha realidade. Naceu aberto a toda a sociedade e a idea, segundo a organización é "lembrar o aniversario do nacemento de Alexandre Bóveda na súa cidade natal e concienciar á sociedade ourensá da relevancia de Bóveda no país". Ademais procuran redescubrir a súa figura en Ourense e festexar dun xeito lúdico a súa entrega por Galiza.

Realizarase a terceira parada na rúa Cardenal Quiroga, sede do Partido Galeguista, cando se chamaba a rúa Alba.

Percorrido
O roteiro terá as seguintes paradas. Comezará ás 22 horas na rúa do Paseo, diante da antiga Ibense, e realizará unha primeira parada na Delegación de Defensa, antigo local do círculo católico onde o Bóveda mozo asistiu a clases nocturnas de debuxo impartidas por don Luís Xesta. Despois continuará até as Galerías Sol, na rúa Santo Domingo, que fora sede da administración e redacción da Revista Nós. Logo realizarase a terceira parada na rúa Cardenal Quiroga, sede do Partido Galeguista, cando se chamaba a rúa Alba. Nela impartiu varias conferencias, entre elas a do 9 de outubro de 1933 co título Un ano de aituación do Partido Galeguista e novos rumbos. Partirase despois cara o Teatro Principal  na rúa da Paz onde pronunciou unha conferencia titulada  Aspectos económicos do estatuto o 31 de xaneiro de 1933. Neste lugar estaba a sede da Coral de Ruada, da que formou parte Bóveda. Tanto esta entidade como o Orfeón Unión Orensana foron dúas das entidades musicais máis relevantes do momento en Ourense, e Bóveda formou parte das dúas. O último alto vai ser na súa casa natal, na rúa da Barreira n º16.

Comentarios