O Oubeira, un verdugo en Cabral

O seu nome mete medo e aínda o citan en voz baixa cando un veciño e outro recordan os verdugos de Cabral. A súa herdanza, listas de bos sinalados para o martirio, mortos nun verán de inverno, o fin dun soño, a noite fecha e onde hoxe estamos.

FASCISTAS VIGO

Era da mesma feitura que Fernando Mariño, un  dos famosos “Caducos” que dirixía paramilitares de camisa azul por Cabral para sementar a morte e traer o mal aos bos  en pacto co demo até o inferno. Formaba con Xosé Maceiras Casales “O Maceiras”, verdugo como o seu irmán Feliciano, empregado da Empresa xeral eléctrica, traidor á causa do comunismo e falanxista para matar e enriquecerse. Partillaba causa con Eusebio Lago Campos, alcalde e cacique do barrio, responsábel de diversas violencias  e a facer cartos á sombra do medo. Coincidía, ao tempo, con Xosé Novas Curras, de alcume “O Meira” para manchar o nome da súa localidade natal no nacemento do Miño, elaborando listas negras, sinalando vítimas e riscando mortos. E tamén do “Cordobés”, “O Chino”, “O Mingos”, “Os Velosos”, “O Cuco”, “Manolo da Mirlota”, “Os Carbineiros” ou “Os Baos”.

Chamábase Antonio Alonso Villar pero todos o coñecían como “O Oubeira”. Persoa de condición económica abastada e significado home de negocios, era propietario dun amplo e dotado local comercial nos baixos da súa casa, na actual avenida de Santa Mariña, que funcionaba como bar, estanco, ultramarinos, almacén e tenda de todo tipo de produtos precisos na actividade agraria. Militou sempre nas filas da orde, ocupando diversas responsabilidades no Concello de Lavadores durante a ditadura de Primo de Rivera e tamén na República, após a represión que seguiu a revolución de outubro de 1934, destacando polos seus enfrontamentos  coa Sociedade Cultural Agraria e pola súa nula preocupación á hora de dar resposta ás necesidades do concello. Afastado da corporación após o triunfo da Fronte Popular, foi un dos moitos homes de ben, de dereitas de toda a vida, que abrazou o fascismo tras febreiro de 1936, para seguir defendendo os seus intereses de sempre.

Segundo Abad Gallego “entre os veciños este home era moi temido, xa que era considerado como o principal responsábel das delacións”

A súa actuación como represor deixou pegada até hoxe. Segundo escribiu Xoán Carlos Abad Gallego, nun dos seus documentados traballos sobre a represión en Vigo, “ “O Oubeira” elaborou, persoalmente, unha moi completa lista onde aparecía o nome dun grande número de conveciños e conveciñas… e que polo tanto debían de ser eliminadas. Como consecuencia directa das súas delacións era o responsábel directo do paseo dalgúns veciños seus, como por exemplo Xosé Otero Campos e Emilio Rodríguez”. Na mesma liña, Abad Gallego sinala como “entre os veciños este home era moi temido, xa que era considerado como o principal responsábel das delacións que se levaron a cabo na parroquia; delacións que provocaron a detención de moitos deles e que, non poucos, remataran asasinados nalgún retirado descampado”. As mesmas fontes consideraban que traballaba en estreita conivencia cos irmáns Mariño “Os Caducos”, Xosé Maceiras Casales “O Maceiras” e Eusebio Lago Campos.

E soubo do ferro, neste caso, xusticeiro. O 6 de outubro de 1936, un grupo de antifranquistas dislocouse á súa casa en plena madrugada, chamando á porta con insistencia para que abrira, cousa que non fixe até cun deles se identificou como Xosé Maceiras Casales “O Maceiras”, un dos seus camaradas de ignominia, sinalándolle que lle traía unha información urxente. Unha vez descuberta a verdade, “O Oubeira” tentou franquearlles o paso, pelexando cos fuxidos, até o punto de partirlle o brazo e rematar por dispararlle, deixándoo sen vida ao momento. A súa morte abriu o camiño a unha nova vaga represiva na zona, dirixida polo tristemente celebre tenente da Guarda Civil Francisco González Rodríguez “ O Rabioso”, que orixinou unha serie de detencións indiscriminadas co obxectivo de instaurar o terror sen vontade algunha de determinar a identidade dos autores do axustizamento, que a memoria popular asociou sempre aos guerrilleiros de Cabral Roxelio e Xosé García Molares “Os Maletas”.

Comentarios