Os sete mártires de Pazos

O 31 de outubro de 1949 morrían nun enfrontamento armado coas forzas da Guarda Civil sete militantes guerrilleiros tras ser cercados nunha vivenda no lugar de Pazos en Monfero. A acción represiva será decisiva para o desmantelamento da oposición armada ao fascismo, nas comarcas de Trasancos e A Coruña, significando un antes e despois na loita antifranquista.
Brigadilla da Guarda Civil.
photo_camera Membros da brigadiña da Guarda Civil co uniforme regulamentario

Foi un golpe decisivo que rematou por desmantelar a IV agrupación do Exército guerrilleiro da Galiza. Ao longo de 1949, o dispositivo represivo do réxime franquista golpea con contundencia os núcleos operativos da resistencia armada, provocando numerosas baixas nas súas filas, debilitando a súa rede de apoios e xerando unha forte sensación de desánimo no conxunto do movemento popular.

A batalla de Pazos rematou coa vida de Adolfo Allegue Xosé Temblás , Xosé Chao, Antonio López Arias, Xoán Freire, Roxelio Alonso Carral e Xosé Remuiñán.

A ofensiva das forzas de seguridade bateu de xeito repetido a diversos comandos da IV agrupación do Exército guerrilleiro da Galiza, comezando coa caída de Paramos, en marzo de 1949, que remataría coa morte de Carme Temprano, Xosé María Castelo, Vicente Peña, Manuel Pen, Manuela Teiga e Erundino Vieito e continuando cun ronsel de mortes ao longo de todo o país. A vaga represiva daquel ano negro rematou por desmantelar as organizacións guerrilleiras en diversos puntos da xeografía, descabezando a súa propia dirección e sentando as bases para o parón definitivo do actuar armado.

Do masacre de Paramos a caída de Silán

A caída de Monfero veu precedida doutros importantes dispositivos represivos contra os membros da IV Agrupación e das súas bases de apoio, promovendo un importante número de vítimas nas filas antifascistas. O 16 de abril, un grupo de comandos deslócanse a Cerdido para facer efectiva unha sanción económica a un recoñecido represor e cobrar unha multa pendente a outra persoa ligada ao réxime, saíndolles ao paso a Guarda Civil e iniciándose un combate que rematará coa morte do Guarda Civil Ramón Pérez Casas e dos guerrilleiros Xosé Vilariño Fernández, Xosé Felpeto Gómez e Perfecto Castro Martínez “Tereso”.

O  21 de xuño de 1949 na bouza do Forcón, na Pena Grande de Silán, no Concello de Muras, un operativo da Guarda Civil e da contrapartida da cunha base guerrilleira, deixando mortos a Celia González  Pernas “Celia da Ferraría”, Xosefa Escourido Cobo “Xosefa da Lúa”, Xoán Galego Abeledo “O Comandante”, Manuel Clavero de la Iglesia e Xoán Pérez do Pico “Xan de Xenaro”, dando por fechado o libro heroico da IV Agrupación na area luguesa.

A loita d´O Riqueche

As necesidades loxísticas obrigaron a un grupo de militantes da IV Agrupación, integrados no Destacamento Arturo Cortizas, a desprazarse a Vilarmaior. O grupo estaba comandado por Adolfo Allegue Allegue, coñecido por Riqueche, un guerrilleiro de Grandal en Vilamaior que após permanecer agochado durante catro anos, pasa polo cárcere de San Filipe entre 1941 e 1943, colabora, posteriormente, como enlace e vese obrigado a subir ao monte, onde rematou convertido no máximo responsábel do  Arturo Cortizas.

Ramón Rei Balbís, un dos cadros de relevo da IV Agrupación, ligou a presenza do comando nas terras natais de Riqueche a que “estabamos sen un céntimo e empeñados en varios puntos de apoio, pero aínda ficaban outros que nos podían axudar. Decidimos após estudar as posibilidades, que Riqueche, Temblas, Chao e  Freire saíse á zona de Vilarmaior e alí pedisen ao “Susto” o cabalo ou aos “Pirenaicos” algún diñeiro.

A caída de Pazos é a expresión da debilidade da guerrilla e do aumento da eficacia dos métodos represivos

O destacamento Arturo Cortizas en Monfero

As dificultades para conseguir nesa zona a cantidade económica precisa para o seu labor ordinario levou o grupo a deslocarse a Monfero. O plan, definido previamente, estabelecía “como última saída", que "se non lograban o diñeiro nestes sitios, debían ir cobrar o resto da sanción a Monfero tomando todas as preocupacións”, poñendo camiño a esta última localidade, unha vez que comprobaron a imposibilidade de conseguir a contía precisa en Vilarmaior.

Segundo a crónica de Rei Balbís, “Riqueche conseguiu algún diñeiro no Susto e A Tenda (total creo que unhas 7.000 pesetas, unindo a Jaspe e aos seus dous compañeiros ao destacamento e trasladándose a Monfero a cobrar unha sanción que xa impuxeramos e da que só cobraramos a metade (15mil)”. Así as cousas, os membros do Destacamento Arturo Cortizas da IV Agrupación e os restos da V xa instalados na área coruñesa chegaron a Monfero o 29 de outubro.

O reloxo coa foto d´A Pasionaria

O enfrontamento entre as forzas da orde e as unidades guerrilleiras iniciaríase no anoitecer do 30 de outubro e alongaríase até a media tarde do día seguinte. Os militantes antifascistas pasaron a primeira noite na vivenda a onde acudiran a cobrar a sanción económica, sendo recibidos, en palabras dos informes internos do PC, “afabelmente”, sen caer na conta de atoparse cercados até que Riqueche saíu da casa para comprobar a situación.

Rei Balbis, no seu informe, sinalou como “cando ao saír da porta coa pistola metralladora na man alguén lle preguntou: Ti es Riqueche?. Si que pasa, contestou este. Unha refaga foi a contestación do inimigo e Riqueche caeu morto”. O mesmo informe continúa sinalando que “o combate durou toda aquela noite e até o atardecer do día seguinte. Todos os guerrilleiros segundo os informes portáronse ben. Os camaradas queimaron mesmo o diñeiro e romperon os reloxos. Deixaron só un pequeno…coa fotografía da camarada Dolores que se entregaba aos camaradas mellores no estudo e no traballo”.

A batalla de Pazos

O combate rematou coa morte de sete militante antifascistas. A maiores de Riqueche, falecido ao comezo do enfrontamento, perderon a vida nas máis de dezaseis horas da batalla de Pazos Xosé Temblás Paz, Xosé Chao Rouco, Antonio López Arias, Xoán Freire Barcia, Roxelio Alonso Carral e Xosé Remuiñán Barreiros.

Temblas, natural de Ourol, militaba no PCE desde antes de 1936 foi o principal dirixente da guerrilla de orientación comunista no norte da Galiza. Veciño do anterior, Xosé Chao “Benita” era outro veterano da guerrilla mariñá, que partillará tempo atrás momentos e situacións de perigo con outro dos mortos, neste caso  o ferrolán Roxelio Alonso “Canín”, procedente tamén da IV Agrupación como Xoán Freire Barcia, que neste caso só levaba catro meses no monte.

Os outros dous guerrilleiros mortos, Antonio López Arias “Jaspe” e Xosé Remuiñan Barreiros ”Ricardito”, desembarcarán n´A Coruña após da desfeita da V Agrupación e o conseguinte cese da actividade armada no norte de Pontevedra.

Pazos, un símbolo  da resistencia antifascista

A batalla de Monfero non tardaría en acadar a categoría de símbolo na memoria popular e na propia épica da resistencia antifascista. O alcance do despregue das forzas da orde, a intensidade do combate, o número de vítimas mortais ou a represión que golpeou as xentes da zona ficou gravada, durante décadas, na zona pero tamén no propio relato dos compañeiros de loita dos guerrilleiros asasinados que deixaron testemuño dos feitos nos seus órganos de prensa e en diferente propaganda elaborada nos anos seguintes.

Así é todo, o verdadeiramente significativo dos feitos vividos naquela xornada do 31 de outubro de 1949 son as causas da caída, expresión da debilidade da resistencia armada á ditadura e do aumento da eficacia dos métodos represivos, coa introdución de novas técnicas onde a infiltración, o terror discriminado contra a rede de apoios e a aplicación das tácticas da guerra cocha que non tardarían en ser exportadas a outras latitudes na loita contra a insurxencia.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios