Os galegos na liberación de París

O 24 de agosto fixéronse 75 anos da liberación de París da ocupación nazi por parte da novena compañía da 2ª División Blindada do exército francés. Estaba, segundo relata neste artigo o seu autor, o historiador Eliseo Fernández, composta maioritariamente por antigos combatentes da Guerra Civil española. Entre eles, tres galegos: Ángel Rodríguez Leira, Antonio Yáñez Quiza e Víctor Lantes. Eis un extracto da información, publicada no número 361 do semanario en papel Sermos Galiza.
FRANCE - CIRCA 1944:  World War II. Liberation of Paris. The armoured cars of Leclerc's division arriving rue Guynemer, August 25, 1944. Colourized picture.  (Photo by ND/Roger Viollet/Getty Images)
photo_camera [Imaxe: Cedida] Liberación de París.

m2_6-7_ParisResulta difícil de explicar o feito de que a historia de moitos homes e mulleres galegas que participaron na loita contra o fascismo sexa hoxe explicada baixo perspectivas que afondan na súa vitimización. Sen caer na idealización dos seus comportamentos, é importante destacar que non foron títeres manexados polas circunstancias, senón que no seu roteiro vital puideron tomar decisións que puxeron o compromiso social e político por diante doutras consideracións; e que esas decisións, nun contexto bélico creado por forzas totalitarias, conlevaba un evidente risco para as súas vidas e importantes sacrificios familiares, tomados de xeito totalmente consciente.

Outra cousa ben distinta é que algúns xornalistas e historiadores estean moi lonxe de simpatizar coa súa actitude comprometida e valerosa, en particular, ou sexan pouco partidarios de calquera actividade comprometida, en xeral.

Este 24 de agosto de 2019 foi o 75º aniversario dun dos feitos máis importantes da historia recente: a liberación da cidade de París da dominación nazi por parte de combatentes da 9ª Compañía da 2ª División Blindada do exército francés, maioritariamente composta por antigos loitadores da Guerra Civil. Neste grupo de persoas que en agosto de 1944 participaban na liberación de París figuraban varios antifascistas galegos, que había moitos anos xa que viñan librando aquel combate. Desde os tempos previos ao golpe militar tiñan pelexado pola mellora da sociedade en que vivían, a raíz do levantamento fascista tiñan combatido os que querían impoñer unha sanguenta ditadura militar e, despois da derrota na Guerra Civil, mantiveran a súa actividade belixerante contra o fascismo nunha Europa case dominada polo totalitarismo. Neste episodio histórico tiveron un grande protagonismo os militantes da CNT de Cariño Ángel Rodríguez Leira, “Sanroque”, e Antonio Yáñez Quiza, “Garepo” e o comunista coruñés Víctor Lantes Vedruné.

O mariñeiro da Pedra Ángel Rodríguez Leira e Antonio Yáñez Quiza tiñan formado parte do Ateneo Cultural Recreativo Cariñense, o organismo cultural creado en 1933. Posteriormente integráranse tamén no Sindicato de Industria Pesqueira da CNT de Cariño, que malia ver a luz en setembro de 1934, no chamado Bienio Negro, tiña conseguido agrupar a maior parte da clase traballadora asalariada de Cariño e as localidades máis próximas. Segundo unha reportaxe publicada no voceiro coruñés Solidaridad Obrera, o sindicato pesqueiro lograra en 1936 a práctica desaparición do desemprego, arrincara 7000 pesetas aos armadores da localidade en indemnizacións polas folgas declaradas, e tiñan fundado unha sociedade de socorros baixo a denominación de “El Apoyo Mutuo”. Os delegados coruñeses que foran á vila para dar o mitin do 1º de maio de 1936 recoñecían nesa reportaxe de prensa que foran convencer e, finalmente, foran eles os que retornaran convencidos.

Pola súa banda, Víctor Lantes Vedruné nacera na Coruña o 9 de febreiro de 1919, e era fillo da parella formada por Manuel Lantes e Victoria Vedruné; á súa vez, a súa nai era filla de Fernanda Ibáñez e do librepensador Guillermo Vedruné Sabot, falecido na cidade da Coruña en setembro de 1917. Toda a familia tivera que abandonar A Coruña en 1923 debido ao seu compromiso coas loitas sindicais, a raíz dunha folga declarada na cidade; como consecuencia, residiron sucesivamente en Bayonne, Cuba, New York e Arxel.

[Podes ler a información íntegra no número 361 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios