As orixes galegas de Luís Camões

É fillo do exilio galego do século XIV. Descendente dun daqueles cincocentos rebeldes que, por loitar contra Castela, se viu na obriga de refuxiarse en Portugal.
Luis-de-Camoes
photo_camera Luís de Camões

É fillo do exilio galego do século XIV. Descendente dun daqueles cincocentos rebeldes que por loitar contra Castela se viu na obriga de refuxiarse en Portugal, remataría por converterse nunha das figuras cimeiras da literatura portuguesa. Falamos de Luís de Camões, un dos grandes poetas nacionais de Portugal e unha das referencias inescusábeis da tradición lírica occidental.

Camões, un dos grandes edificios literarios da lusofonía

Estamos diante dun dos grandes edificios literarios da lusofonía. A obra de Luís de Camões, considerada como unha das grandes achegas da nosa lingua á literatura universal, aínda que non esqueceu o teatro, está ligada fundamentalmente á poesía lírica e épica. Ningunha obra como Os Lusíadas, de clara vontade patriótica, para seguir a epopea portuguesa, facendo parada nas navegacións do seu parente Vasco de Gama arredor do Cabo de Boa Esperanza, na busca dunha nova ruta para a India, ou tamén no grande fito de Aljubarrota, tan ligada a súa propia historia familiar.

O mapa trazado por Camões nesta obra maxestosa non esquece episodios tan caros da nosa historia en común coa nación irmá como a vida de Inés de Castro, a galega do Val do Lemos que reinou en Portugal no marco da alternativa atlantista formulada polas nosas clases dirixentes á volta do século XIV.

Unha figura para coñecer e ler

A biografía de Luís de Camões está por facer. Malia os innumerábeis traballos dedicados ao estudo da obra e traxectoria vital do autor, tanto nos países da lusofonía como no resto do espazo occidental, os dados que coñecemos del seguen a ser contraditorios. Nado probabelmente en Lisboa arredor de 1524, pasou varios anos de formación en Coimbra, volvendo á capital lusa, onde viviría xornadas de bohemia até alistarse como soldado na armada portuguesa.

Embarcado no San Bento chegaría á India, instalaríase en Goa, combatería aos turcos no estreito de Ormuz, residiría en Macao, naufragaría na desembocadura do río Mekong, viviría xornadas en Mozambique e regresaría a Lisboa en 1570. Será precisamente neses dezasete anos nos que residiu fóra de Portugal onde elaborou e deu remate aos Lusiadas e boa parte da obra lírica que sería publicada co poeta xa morto baixo o título de Rimas. Finou en Lisboa o 10 de xuño de 1579 ou 1580.

Os antepasados de Camões chegaron a Portugal nas décadas finais do século XIV. Vasco Pires de Camões, fixo parte do continxente daqueles cincocentos galegos obrigados a exiliarse no país irmán por defender unha Galiza arredada de Castela, unida a Portugal, hexemónica no espazo ibérico e ligada aos pobos atlánticos.

Vasco de Camões, un poeta galego rebelde contra Castela

O tataravó do poeta era un fidalgo da Costa da Morte, señor do castelo de Camões de Fisterra e significado trobador galego, cuxa obra non chegou até nós pero aparece referida noutros textos da época, entre eles na Epístola da gaia ciencia de Íñigo López de Mendoza, o marqués de Santillana. Vasco de Camões participou nalgúns dos capítulos máis decisivos da revolución galega do século XIV, ficando documentada a súa presenza n´A Coruña á volta de 1470, ao carón do monarca portugués Fernando I, proclamado rei de Galiza como aposta das nosas clases dirixentes por seguir desenvolvendo as potencialidades nacionais do país fronte ao hexemonismo castelán que tentaba anulalas.

O tataravó do poeta era un fidalgo da Costa da Morte, señor do castelo de Camões de Fisterra e significado trobador galego

O exilio portugués de Vasco de Camões

Vasco Pires de Camões recibirá propiedades, como tantos outros exiliados galegos, da coroa portuguesa. Segundo sinalou o cronista Fernán Lópes, na crónica de João I, o tataravó do poeta, será favorecido por Fernando I de Portugal e III de Galiza con bens en Alcaidarias-Mores de Alenquer e Portalegre, as localidades da Sardoal, Punhete, Calvo, Amendoa e Gestaço, no actual distrito de Santarén e os inmóbeis e terras agrícolas que a Infanta Beatriz dispuña en Estremoz, pasando ao tempo, a formar parte do circulo próximo do monarca.

Membro activo do partido galego na corte portuguesa, non dubidará, como a maioría dos exiliados, en optar pola filla de Fernando no preito sucesorio que se abre ao falecer este, aparecendo na loita contra Avis en Aljubarrota, onde é feito prisioneiro e onde morre o seu curmán Airas Pires de Camões, para rematar despoxado das súas propiedades portuguesas e obrigado a fuxir de Portugal. Un seu fillo, antepasado tamén do poeta, João Vaz de Camões, dará continuidade á saga, formando no círculo máis próximo do rei Afonso V e sendo nomeado correxedor de Coimbra.

Comentarios