Organizacións e colectivos lembran a Reboiras no 40º cabodano do seu asasinato

Diversos actos recordarán a figura do militante nacionalista asasinado pola policía franquista en 1975.

UPG

Cando se cumpren corenta anos do asasinato de Ramón Reboiras Noia a mans da Brigada político-social franquista no portal 27 da Rúa da Terra en Ferrol, distintas organizacións políticas e o colectivos convocan senllos actos de lembranza ao militante nacionalistas. 

UPG

A Unión do Povo Galego desenvolverá o 12 de agosto a súa tradicional homenaxe en Ferrol. Un acto que dará comezo ás 19h cunha concentración na Praza de Armas, perante a Casa do Concello, de onde partirán cara ao portal no que Moncho Reboiras foi asasinado a tiros en 1975. Alí realizarase unha ofrenda floral. 

Xa ás 19.30h un acto político lembrará a figura do militante nacionalista que contará coas intervencións de Adrián R. Bravo, secretario xeral da Unión da Mocidade Galega (UMG); da concelleira do BNG en Ferrol, Eva Espiñeira, e do secretario xeral da UPG, Néstor Rego. "Nestes momentos de confusión interesada,  recollemos o exemplo do camarada Moncho no traballo de autoorganización do povo galego e proclamamos a nosa fidelidade á causa da independencia nacional da Galiza,  á que o noso camarada entregou a súa vida", sinalan na convocatoria. 

CIG e MGS

Tamén a Confederación Intersindical Galega (CIG) xunto coa súa Fundación, que leva o nome do ilustre nacionalista, organizan unha ofrenda floral no cemiterio no que se atopan os restos de Reboiras, en Imo (Dodro). Será no mediodía (12h) do 12 de agosto.

CIGNo mesmo lugar, mais ás 13h, o Movemento Galego ao Socialismo, organización integrada no Bloque Nacionalista Galego, convoca un acto de homenaxe que combinará intervencións políticas, música e poesía. 

Xoán Bautista Mariño, concelleiro do BNG de Dodro, Rafael Mouzo, alcalde de Corcubión durante 26 anos e que impulsou a concesión dunha rúa a Moncho Reboiras neste Concello, e Noa Presas, integrante da Mesa Nacional do MGS e de Isca! lembrarán "o exemplo vivo dun loitador pola liberación nacional e social de Galiza que levou o seu compromiso até as súas últimas consecuencias", sinalan. 

Entre as intervencións, Mini e Mero entoarán a súa música e un recital de poesía a cargo de Susana Sánchez Aríns e Verónica Martínez Delgado presentará o libro editado polo MGS con motivo do 40º cabodano do asasinato de Reboiras. Unha obra intitulada Moncho Reboiras vive! na que se compilan textos de Carmen Blanco, Claudio Rodríguez Fer, Darío Xohán Cabana, Igor Lugris, Isidro Novo, Marta Dacosta, Ramiro Vidal Alvarinho, Susana Sánchez Aríns, Teresa Moure e Verónica Martínez Delgado. 

Comissom Moncho Reboiras

Pola súa banda, a Comissom Moncho Reboiras organiza no Ateneo Ferrolán unha palestra o 11 de agosto baixo a lenda Moncho Reboiras semente de vencer. Será ás 20h e contará coa participación do historiador Eliseo Fernández, o camarada de Moncho Reboiras, Inácio Hernando e o independentista, Joám Lopes. Aliás, o 12 de agosto elaborarán un mural colectivo no Barrio da Madalena (Ferrol)  e ás 20.30h desenvolverán unha homenaxe na propia Rúa da Terra na que intervirán Lara Soto, en nome da Comissom e Miguel 'Vento de Trasancos', Pim Patinho e Ramiro Vidal recitarán poesía. O acto rematará cunha ofrenda floral e unha grellada popular a partir das 21.30h na Fundaçom Artábria. 

Agora Galiza e FPG

A organización independentista Agora Galiza convoca unha concentración o 12 de agosto ás 20.30h na Praza do Toural en Teis (Vigo). Aliás, a Fronte Popular Galega (FPG) e a organización xuvenil Xeira desenvolverán un acto de homenaxe o sábado 15 de agosto na mesma praza viguesa no que terá lugar, con posterioridade, un xantar autoxestionado, na Riouxa

Fe de grallas. Este artigo foi editado após a súa publicación. Por erro, a palestra organizada pola Comissom Moncho Reboiras fora atribuída ao Ateneo Ferrolán, lugar que, no entanto, acollerá o acto. 

Comentarios