En Ferrol será esta cuarta

Ordes acolle esta sexta feira a presentación de 'Os nomes do terror'

A primeira investigación exhaustiva sobre os nomes e os enderezos dos criminais do 36 en Galiza preséntase esta sexta feira en Ordes. O historiador Manuel Pazos, autor dun dos 13 ensaios recollidos en Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron centrado na represión nesa comarca, fará de anfritión nun acto en que tamén participarán o coordinador do volume Eliseo Fernández e mais o presidente de Sermos Galiza -editora do libro- Xoán Costa.

 

[Imaxe: Foto extraída do libro de José Luis Díaz Siembra y memoria. Muerte y evocación de un médico republicano (2010)] Escuadra Negra de Eirexalba.
photo_camera Membros das Escuadras Negras de Sarria e do Incio

"Ao cabo, trataríase de completar o relato histórico desde outra perspectiva", sinalan os coordinadores do libro -ademais de Fernández, Xosé Ramón Ermida Meilán, Xoán Carlos Garrido Couceiro e Dionisio Pereira- no limiar do mesmo, "o contraplano en que veríamos as costas das vítimas e poñeriamos o foco no rostro e nas características colectivas de quen levou adiante as execucións".

A censura e a autocensura, consideran, furtaron ao coñecemento público unha versión complexa e global do que aconteceu no levantamento fascista de 1936 e nos anos posteriores. Os nomes do terror constitúe unha primeira ferramenta para completar a historia de como a ditadura franquista se impuxo a forza de violencia extrema e sangue do pobo.

A presentación da vindeira sexta feira 8 de setembro será ás 20.30 horas no Museo do Traxe de Ordes.

En Ferrol esta cuarta feira

A xira de presentacións do volume chegará tamén a Ferrol, esta cuarta feira ás 20 horas na Libraría Galiano, nun acto no que tomarán parte Xoán Costa, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza; Elia Rico, presidenta da Sociedade Cultural Medulio; Xosé Ramón Ermida e Eliseo Fernández, tamén este último coordenador do libro.

Comentarios