De OR a OU: Así foi a mobilización social para restaurar a toponimia

A loita do pobo ourensán polo recoñecemento do seu topónimo orixinal celebrouse co cambio de matrículas na Praza Maior da cidade cun cento de coches.
Topónimos Vigo 22222222222
photo_camera O historiador Carlos Méixome pintando correctamente Ourense un sinal vigués en 1984 (Foto: Xan Carballa)

Nos últimos días, nas redes sociais, rexurdiu unha imaxe histórica na reivindicación e loita pola lingua e identidade galegas. Nela pódese ver Xosé Lois Freire cambiando a matrícula dun automóbil que deixaba de ter as letras OR, como identificativo de Ourense, para pasar a ter as que lle correspondía: OU.

A Mesa pola Normalización Lingüística comezaba no ano 1995 a loita pola recuperación do topónimo galego, “xa non só a nivel matrículas de coches, mais tamén como nome orixinal do noso territorio”, explica nunha conversa con Nós Diario, Susana Méndez, activista da Mesa naqueles anos. “Existía xente que rexeitaba totalmente a nosa reivindicación, desde políticos que estaban dentro do Concello até forzas de seguridade”, relata Antón Gómez, quen tamén formou parte da campaña como sindicalista da CIG-Ensino. 

Entre as diferentes actividades que se desenvolveron até maio de 1998, momento no que o Congreso dos Deputados, a iniciativa do BNG, aproba o cambio de topónimo, destacou a edición de adhesivos OU para pór nas matrículas dos coches. As persoas que apoiaban esta campaña colábanas enriba das letras OR, o que “nalgúns casos levaba a recibiren multas da Policía Local ou da Garda Civil por non estar aínda aceptado o cambio e polo rexeitamento que existía por parte destes corpos ao topónimo orixinal”, lembra Gómez. 

Xusto ao comezo dese ano aparece o lema premonitorio “OU-1998-XA” que xorde nunha “reunión na que estabamos a pensar na frase que debería dar o último impulso á campaña, porque sabíamos que existían políticos a favor de recuperar o topónimo Ourense”, conta Méndez. Uns meses despois apróbase o cambio na Cámara pero tiveron que agardar até setembro para poder matricular os primeiros coches OU, xa que non foi até ese mes que se publicou no Boletín Oficial do Estado. 

Unhas semanas despois, a comezos do mes de outubro, deuse a escena histórica que estes días se pode ver nas redes: ao redor dun cento de vehículos estacionados na Praza Maior de Ourense agardaban para poder ter a súa matrícula. “Eu comprara o meu primeiro coche de segunda man había pouco tempo porque sacara o carné uns meses antes, estar alí rodeada de compañeiros e ter a miña matricula OU foi algo moi ilusionante”, salienta Méndez. 

Con moitos anos de experiencia no sector do automóbil e naquel momento como sindicalista no sector do Metal da CIG, Xosé Lois Freire foi un dos responsábeis da mudanza das pezas. “Un bar da praza deixou que nos conectásemos á súa toma de corrente cun prolongador e coas ferramentas precisas puxémonos a trocar as matrículas dos coches que estaban alí”, conta Freire en conversa con Nós Diario

“Moita xente quixo cambiala en canto foi oficial, nesa primeira semana, desde a CIG xestionamos 240 cambios de matrícula e na praza debemos mudarllas a 100 ou 120 coches”, indica Gómez. Aínda que só se puido desfrutar desta nova matriculación durante dous anos -en 2000 apareceu un sistema novo que eliminaba a distinción por provincias, as tres testemuñas coinciden en que foi “unha pequena vitoria, mais para nós foi moi grande”.

Comentarios