luns 17/05/21
De memorias e relatos sobre represores (II)

Onde está o reloxo de ouro do Comandante Moreno?

O “Romance do Comandante Moreno”, coñecido no concello da Fonsagrada e nos pobos da raia asturiana, é un dos mellores expoñentes das construcións míticas vindicativas sobre as que enfocamos na nosa achega anterior. Aprender, cantaruxar e transmitir a letra deste romance foi o modo no que a veciñanza repudiou e condenou a matanza por parte dos falanxistas da Fonsagrada dos membros do Batallón ‘Galicia’ cando estes volvían da fronte de Asturias e pararon descansar na aldea limítrofe do Acevo en outubro de 1937. 
José Moreno, segundo pola dereita sentado, con outros compañeiros de fuxida no barco 'Libertaria' en Xixón. (Foto: Arquivo de Eliseo Fernández)
José Moreno, segundo pola dereita sentado, con outros compañeiros de fuxida no barco 'Libertaria' en Xixón. (Foto: Arquivo de Eliseo Fernández)

O romance, que está recollido no Cancioneiro Galego e que se pode escoitar pola rede na voz de María Severina Murias Fernández, unha veciña do lugar de Villarín de Abaixo, grazas ao labor da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica, e que ten musicado tamén o grupo Raiceira, motivou a documental Memorias rotas. La balada del Comandante Moreno, dirixido pola uruguaia Manane Rodríguez en 2009.

Nesta peza audiovisual recóllense varios testemuños que transmiten esa xustiza simbólica que as comunidades gardaban para os vitimarios á que faciamos alusión: un dos Caielos viviu nun continuo desasosego acongoxado polos perigos que para el podía traer a escuridade da noite; outro falanxista da Fonsagrada incriminado no martirio de José Moreno Torres e os seus homes “púxose louco porque vía o Comandante Moreno [...] e dicía que o perseguía” e o alcumado ‘O Coxo’ morreu ao mes seguinte de que os corpos dos anarquistas foran exhumados en 2009, ben podendo ser por mor dos remordementos, xa que de saúde estaba ben.

Jan Vasina, un afamado estudoso da tradición oral, sinala que cada testemuño ten un obxectivo e cumpre unha función; serve á sociedade que os xera e os conserva. É certo que a persoa que dá o testemuño pode alteralo para que se corresponda mellor co seu obxectivo e pode forzalo para que cumpra mellor unha función dada. Pero non toda recreación ou distorsión da realidade ten cabida nas memorias subversivas e nos relatos que se derivan delas. Estilizar ou descolorir algún dos recordos responde a certo rexistro de consideracións, non son gratuítas nin banais esas alteracións, nin no plano da psicoloxía individual do que realiza o exercicio de memoria e de relator, nin no plano colectivo, é dicir, daqueles que puideron escoitar e obrar como transmisores do relato.

Trátase de deformacións da realidade ou invencións que evidencian mecanismos de compensación psicolóxica que permiten manter unha ilusión de xustiza. As narracións, malia non ser completamente veraces en moitos aspectos (días que dura a agonía dos represores, graos ou evidencias de dor, de medo ou do remorso dos perpetradores etc.), non son improcedentes.

Pola contra, resultan racionais e convincentes para o grupo, de modo que as asume como plausíbeis e dignas de crédito e, así, pasan a ser aceptadas como parte do universo simbólico da comunidade e axudan a levar o devir cotián abrindo espazos (na memoria e no discurso) nos que subverter a realidade e facela encaixar nuns parámetros minimamente aceptábeis. Valía a pena crer na capacidade do espírito do Comandante Moreno para facer algo de "xustiza por tarde que fose" porque había que soportar vivir día a día cos vitimarios.

Pero non traio a colación nestas liñas o romance para incidir no tema da xustiza construída nas memorias e relatos das comunidades para os vitimarios, senón porque me dá pé a presentar outro tema que se reitera neles: a denuncia do espolio que os represores cometían nos cadáveres das súas vítimas. Varias coplas do romance citado ten varias coplas das que hai diferentes versións, copiamos a continuación dúas das máis repetidas:

“y después tienen valor / a subir a la carretera / unos con la pluma de oro / y otros con la gran guerrera / con una buena zamarra / del comandante Moreno / paseaba en Fonsagrada / el otro día un "caballero" / paseaba en Fonsagrada / con la zamarra de cuero / y un chistoso le decía / qué buen mozo estás moreno / dónde está el reloj de oro / del comandante Moreno / seguramente se gasta / en el pueblo del Acebo / dónde esta la cazadora / del comandante Moreno / seguramente se gasta / muy cerquita de San Pedro”.

Este é só un pequeno estrato do novo capítulo de 'Os nomes do terror'. Atoparás o texto ao completo no Nós Diario que agarda hoxe nos quiosques ou na nosa tenda online. Non o penses máis e fai a subscrición neste intre!
 

comentarios