Os once de Ordes: aniversario dos asasinatos (1937-2023)

A sublevación militar leva parella a represión física, económica, laboral e a Xurisdición Militar para aniquilar os opositores políticos ao golpe.
De esquerda a dereita, Manuel Moure Rey, Andrés Nogareda, Manuel del Río Pampín e José García Fernández, parte dos fusilados en Boisaca.
photo_camera De esquerda a dereita, Manuel Moure Rey, Andrés Nogareda, Manuel del Río Pampín e José García Fernández, parte dos fusilados no cemiterio de Boisaca. (Fotos: A.C. Obradoiro da História)

No contexto da Segunda República na Galiza (1931-1936), as eleccións municipais de febreiro de 1936 deron a vitoria ás forzas integradas na Fronte Popular (FP). A vitoria desta opción a nivel estatal provoca a constitución de concellos interinos formados por membros da FP até as eleccións locais que se terían que celebrar o mes de abril de 1936, mais que serían suspensas.

Os gobernos da FP e a formación de concellos foi a chispa que fixo reaccionar ao Exército e aos poderes reaccionarios que, desde a proclamación da Segunda República, viñan conspirando a todos os niveis contra a República, ben sexa con ameazas militares golpistas ou cunha linguaxe belixerante que ben pode semellarse á utilizada polos fascistas actuais (deste ou doutros Estados) cuestionando insistentemente os resultados electorais cando o número de votos non son ao seu favor. Evidentemente que o modelo democrático evolucionou neste sentido; cando na actualidade os fascistas culpan ao goberno de ocupas, ilegais, filocomunistas, etc... a solución é asaltar as institucións, os poderes públicos ou convidar ao Exército a dar un golpe de Estado... Isto último foi o que sucedeu en agosto de 1936 no que o exército, poderes públicos e relixiosos resolveron a súa perda de poder cunha sublevación militar cruenta (o autodenominado Glorioso Movimiento Nacional), causando unha brutal represión contra a poboación, suspendendo todo tipo de garantías democráticas, provocando a Guerra Civil e unha longa Ditadura franquista.

A sublevación militar leva parella a represión física, económica, laboral e a Xurisdición Militar para aniquilar os opositores políticos ao golpe, polo que serían os tribunais militares os encargados do axuizamento de milleiros de opositores, sen ningún tipo de garantías procesuais, debido a que os acusadores e os defensores eran militares leais ao levantamento militar.

Durante a Segunda República, na bisbarra de Ordes, estabelecéronse partidos e sindicatos en todos os concellos, criando unha sólida estrutura anticaciquil e revolucionaria. En Ordes, cabeceira da comarca e do Xulgado, houbo resistencia ao golpe militar. Nada máis ter noticias da sublevación, formouse o Comité de Defensa da Fronte Popular, polo que requisaron escopetas, cavaron trincheiras e patrullaron pola vila para manter a legalidade republicana.

Os militares golpistas procedentes da Coruña tomaron Ordes sen disparar (nin recibir) un só tiro, debido a que a resistencia abandonou as armas volvendo pacificamente para as súas casas.

Os encausados foron divididos en dous grupos dependendo do seu nivel de implicación e da gravidade das accións das que se lles acusaba

Mais por estes actos de rebeldía republicana foron perseguidos, encadeados e procesados (nun xuízo farsa que está recollido na Causa 230/36) un total de 23 persoas, das que só se lle ditou sentenza a vinte. Os encausados foron divididos en dous grupos dependendo do seu nivel de implicación e da gravidade das accións das que se lles acusaba, aínda que todos compartían a súa pertenza ou colaboración coa Fronte Popular de Ordes. No primeiro están 12 persoas que serían condenadas a pena de morte. Nos informes da Falanxe, da Garda Civil ou das autoridades militares, indícase que estes homes “tomaran parte activa no movemento revolucionario” e se “distinguiran na súa acción como executores ou dirixentes”, ademais, tamén consta que algúns deles tiñan “malos antecedentes” ou “ideas comunistas, de extrema esquerda, extremistas, de Izquierda Republicana”.

O xuízo avanzou nos últimos meses de 1936 e ditouse sentenza de morte contra 12 persoas inocentes, defensoras da liberdade, da democracia e da República (un deles, Francisco Comesaña Rendo, salvouse da morte por ter dobre nacionalidade). Sen ningún tipo de remordementos, aqueles once homes acabaron fusilados ao pé do cemiterio de Boisaca no amencer do 8 de febreiro de 1937. Os asasinados polo réxime fascista foron Ángel Jesús Caamaño Villaverde (natural de Parada e mestre), José García Fernández (dirixente da FP de Ordes e mestre), José de la Iglesia Vilariño (veciño de Ordes e xornaleiro), Manuel Moure Rey (veciño de Sar e labrego), Andrés Nogareda (do Casal, da UXT e xornaleiro), Paulino Pérez García (veciño de Ordes, mecanógrafo), José Pérez Sanmartín (natural de Noia, veciño de Ordes), Manuel del Río Pampín (socialista e membro da FP de Ordes), José del Río Pampín (irmán do anterior, galeguista), José Vázquez Mandayo (da Espenica, Ordes) e Benito Vilariño Liste (veciño de Ordes, xornaleiro).

Pasaron 86 anos destas atrocidades e non houbo nin verdade, nin xustiza, nin reparación

A estes once asasinatos hai que sumarlle o de Manuel del Río Mandayo (socialista e membro da FP de Ordes), que fora paseado en Boisaca nos primeiros días de outubro de 1936 polos fascistas, matóns ou colaboracionistas da vila (Mariño, Venturilla, Domingo, Martís, Pachiro, Castro, Rogelio...) segundo conta o seu fillo Leandro del Río Naveira.

Mais tamén hai que dar os nomes dos represores que formaron parte do aparello militar que levou estas persoas á morte: o garda civil José Pérez Pérez do posto de Ordes, que realizou o atestado encausatorio e os xuíces militares instrutores da Causa 230/36: Ángel Gutiérrez Cabeza, Miguel Quesada Munuera, José García González, Roberto Romero Molezún e Manuel Pedreira Mosquera.

Ordes. Cuadrilla de falanxistas en agosto de 1936.
Ordes. Cuadrilla de falanxistas en agosto de 1936.

Os anteriores instruíron a causa, pero os membros que participaron no consello de guerra polo delito de “traición” e ditaron sentenza foron o tenente coronel Manuel Rueda de Andrés (presidente do Tribunal) e os capitáns Antonio Fontela Romero, Ricardo Martínez Martínez, Luís Gómez Pantoja, Manuel Casal Castro e Andrés Benítez Guerrero, todos da Comandancia Militar de Santiago de Compostela.

Pasaron 86 anos destas atrocidades e non houbo nin verdade, nin xustiza, nin reparación... nin anulación dos xuízos, nin sequera os familiares saben exactamente onde están soterradas as persoas furadas polas balas e as verbas de chumbo, que diría Castelao.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios