A asociación de Ordes expón en Portugal

Obradoiro da História leva a Lisboa o seu traballo pola memoria antifascista

Dirixida polo historiador Manuel Pazos, Obradoiro da História naceu en 1996 “co obxectivo de encher o baleiro cultural crónico da comarca de Ordes”. Máis de dúas décadas despois, o seu constante labor en defensa do patrimonio e pola recuperación da memoria histórica antifascista chegou a Portugal, concretamente a Lisboa.

expo lisboa obradoiro
photo_camera Imaxe de 'Sepultado no silencio', a mostra de Obradoiro da História en Lisboa. Foto: Centro de Estudos Galegos da Universidade Nova de Lisboa.

A mostra Sepultado no silencio, organizada polo Centro de Estudos Galegos da Universidade Nova da capital lusa, serviu para reivindicar “a resistencia antifascista” na Galiza e pódese ver até o 25 de xuño no espazo A Cooperativa. Conformada por materiais achegados por Obradoiro da História.
 
Fotos, carteis, cancións, pasquíns axudan a reconstruír a epopea soterrada da guerrilla e as accións de combate contra o franquismo nun relato que impugna a visión usual sobre Galiza, a Guerra Civil e os primeiros anos despois desta. A maiores, a exposición contén outro relato, o dunha asociación cultural comarcal a investigar na parte negada da historia e asumir, así, as tarefas que as institucións públicas se negaron a asumir durante anos.

O propio Pazos celebrou que o estudantado portugués se interese polo acontecido na Galiza grazas a Sepultado no silencio.

Comentarios