Obdulia Díaz: Heroína da posguerra

Unha das persoas que foi referente social durante a ditadura e que foi esquecida co paso do tempo, unha figura a reivindicar.

Monumento Dona Obdulia
photo_camera Monumento a dona Obdulia

Co período da posguerra e o comezo da ditadura franquista, moitas foron as persoas represaliadas e poucas as que viron a súa memoria restituída a día de hoxe. E en moitas ocasións, quen predomina na historia é o home. Mais o caso que nos ocupa hoxe é unha muller que posuía unha fortaleza que só da o desapego cara o material. Unha muller que foi capaz de tirar para adiante máis de duascentas crianzas. Unha muller con nome e apelidos, coñecida como dona Obdulia.

Obdulia Díaz nace na cidade de Ourense e casa, tendo tres fillos. O piso no que vivían estaba moi perto ao corazón da cidade, e xusto ao lado da rúa “Irmáns Vilar” coñecida por ser a rúa transitada polas traballadoras sexuais. Coa morte do seu marido, Obdulía ficou soa e a cargo de tres fillos. Mais a súa aventura non foi esta senón que día tras día, ano tras ano, acollía fillos e fillas das traballadoras sexuais da rúa do lado na súa casa. Crianzas que foron acollidas por dona Obdulia e que chegaron até a cifra de duascentas persoas que aínda a día de hoxe continúan lembrándose dela e todo o que fixo por mantelos nunhas condicións dignas de vida.

Conseguía pesetas con calquera das labores que realizaba para familias adiñeiradas, con actividades como lavar as sabas para outros na fonte d´As Burgas. Asemade, as nais das crianzas, tamén aportaban o que podían para a manutención do seu fillo ou filla. 

Mais ela e a súa intelixencia atoparon colaboración de outros ourensáns que quixeron arrimar o ombro como o doutor Gallego, médico que non lle cobraba as revisións que lle facía ás crianzas; o padre Silva, que foi o fundador de Benposta; a propietaria da libraría Padre Feijó, o dono da farmacia Bayon, o patronato do Enfermeiro pobre que auspiciaba María del Río, etc. Todos eles, e outras moitas persoas, eran xente sinxela que saía das trincheiras do medo e a comodidade para botar unha man a toda aquela persoa que o necesitara.

Fillas e fillos de sectores sociais marxinais na época que foron axudadas. Persoas que aínda de hoxe son insultadas e difamadas por resto da sociedade. Ao comezo, era coñecida como nai Obdulia, mais co paso do tempo, e logo de levar 20 anos axudando as crianzas, recibía o nome de avoa Obdulia, tributo á súa coraxe. Ela e a súa filla, Lola Nóvoa, tendo en conta a coraxe e o valor que representou unha muller como ela ao axudarlles. A ela tamén se lle engade a súa filla, Lola Nóvoa. Entre as dúas levaron todo o peso de coidar, criar e ensinarlle o mundo a por volta de 200 crianzas. Unha heroína silenciada pola historia que merece ser resgatada do esquecimento. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios