O Proxecto Nomes e Voces abafado polo PP despois de sete anos de recuperar a memoria

Despois de sete anos de traballo, o proxecto Nomes e Voces desaparece abafado pola falta de financiamento por parte da Xunta do PP. Pioneiro a nivel europeo na recuperación da memoria histórica, o peche do proxecto universitario é o golpe de graza ás liñas iniciadas no goberno bipartito. 

Presentación do proxecto Nomes e Voces (Proxecto Nomes e Voces)
photo_camera Presentación do proxecto Nomes e Voces (Proxecto Nomes e Voces)

Malia ter reducido a súa actividade nos últimos tres anos, o Proxecto Nomes e Voces conseguiu manterse a través de pequenos proxectos e outras iniciativas mais desde hai tempo o seu fin albiscábase irremediábel. O venres día 28 de xuño foi a derradeira xornada dunha equipa xa mermada que, dirixida polo profesor Lourenzo Fernández Prieto, botou a andar en 2006 o máis ambicioso proxecto de investigación universitaria que tiña como obxectivo recuperar, con datos e cifras, a memoria histórica da represión despois de 1936. 

 "Elaborouse unha base de datos da represión con 14.978 nomes e realizáronse 404 entrevistas"

Con fin do contrato dos tres traballadores que continuaban no proxecto, Nomes e Voces dáse por finalizado malia manteren aberta a web www.nomesevoces na que se inclúe o censo de vítimas da represión alén dun amplo conxunto de materiais arredor da represión. Os contidos non se ampliarán nin se recollerán novos materiais como se viña facendo até o de agora. 

Dirixido por Lourenzo Fernández Prieto e coordinado por Dionisio Pereira, Xulio Prada, Xosé M. Núñez Seixas e Emilio Grandío, o proxecto Nomes e Voces naceu como resultado dun convenio de colaboración da Consellaría de Cultura dirixida por Ánxela Bugallo no goberno bipartito máis as tres universidades galegas no marco do Ano da Memoria.

Co proxecto Nomes e Voces elaborouse unha base de datos da represión con 14.978 nomes e realizáronse 404 entrevistas a fontes orais que se sumaron ás 108 donadas por investigadores e particulares. Fixéronse  22.340 dixitalización, delas 7.773 fotografías e elaborouse o máis completo mapa de lugares de represión franquista dos existentes no Estado español. O modelo de investigación, en concreto a base de datos, foi asumido por outras universidades do mundo, polo seu carácter innovador na recuperación da memoria histórica. 

"Desapareceron as exposicións da memoria da Illa de San Simón, as axudas ás asociacións, as homenaxes ou o Consello pola Memoria"

Golpe de graza

A morte por abafamento do proxecto Nomes e Voces pon o fin ás políticas institucionais de recuperación da memoria histórica que se iniciaron na Xunta a través da Consellaría de Cultura do goberno bipartito. Despois da declaración do Ano da Memoria que inaugurou os consellos da Xunta presididos por Touriño, íanse desenvolver desde o departamento de Cultura novidosas liñas de actuación nunha inaugural política institucional da memoria coa que o PP arrasou nada máis regresar ao goberno galego.

Nas recentes xornadas tituladas “Represaliadas e resistentes” celebradas en Pontevedra, o que fora director xeral de Cultura, Luís Bará fixo memoria das liñas de actuación que se desenvolveran focadas a tres ámbitos, a homenaxe, a investigación e a difusión. Neste sentido, puxo sobre a mesa como o PP borrara todas as pegadas da política de memoria desenvolvida polo goberno anterior. Entre elas, destacou a desaparición da súa propia historia na Illa de San Simón que fora nomeada “Illa da Memoria” e da que se eliminaran mesmo as exposicións que recuperaban a súa memoria e que estaban á vista nos edificios agora baleiros de todo o que evoque o seu pasado como campo de represión. Bará mentou tamén a eliminación das homenaxes anuais, o Consello da Memoria ou os apoios ás asociacións de recuperación da memoria histórica, todas desaparecidas desde a chegada de Feijóo á Xunta. 

Comentarios